A Anpa do instituto viveirense valora iniciar accións para exixir unha solución aos problemas do centro perante a escaseza de profesorado e a inexistencia de dirección.
As aulas continuan "mais con atrancos", asegura Mari Carmen, nai dunha alumna do IES Vilar Ponte. Porén, acrecenta, "hai un grupo de 2º de Bacharelato que non tivo Lingua Castelá até o de agora". E iso que o alumnado se está a preparar para as probas de acceso á universidade.Logo da demisión en bloque da equipa directiva pola escaseza de profesorado e de rexeitaren desde a Xunta de Galiza incrementar o número de docentes --correspóndenlles 43 segundo o cupo fixado-- a Anpa asegura que se "están rindo de nós".
Mari Carmen non agocha o seu anoxo perante a situación que atinxe o centro desde o mes de setembro. "Non sabemos nada, ninguén nos di nada", explica. "Estamos á espera de ver se a nova directora resolve algo". E é que Educación desouviu as demandas de familias e profesorado e nomeou unha outra persoa á que encomenda a re-estruturación dos horarios, aulas e gardas para os adaptaren @s 42 docentes cos que contará o instituto para o curso 2014-2015.
"Non sabemos nada, ninguén nos di nada. Estamos á espera de ver se a nova directora resolve algo"Educación nomea unha directora que foi rexeitada polo Consello Escolar noutra ocasión
"De antemán esta directora xa non nos gusta", afirma, pois é a mesma persoa que con anterioridade "propuxo ser directora" e foi rexeitada desde a comisión de seguimento ao creren que "non for competente". "Que a poñan agora, non o entendemos", salienta Mari Carmen, quen denuncia a actitude da xefatura territorial de Educación por non acudir ao centro para ver a situación real perante a escaseza de persoal.
"Claro que con 42 profesores o colexio pode funcionar", di, "se quitamos a biblioteca, os laboratorios e os re-agrupamentos, claro que funciona, mais non funciona ben".
"Claro que con 42 profesores o colexio pode funcionar", di Mari Carmen, "se quitamos a biblioteca, os laboratorios e os re-agrupamentos, claro que funciona, mais non funciona ben"Desde Educación rexeitan que o cupo de profesoras e profesores supere @s 42 actuais e instou a nova directora a refacer quendas, horarios e gardas para se adaptaren á nova situación. "Nen sequera aceptaron a proposta que fixo a dirección cesada cando propuxeron que se cubrise a praza cun profesor de galego con opción de castelán". En troca diso, explica Mari Carmen, "dixéronnos que teriamos 42 profesores, nen un máis nen un menos".
Un centro de ensino que funciona
O IES Vilar Ponte conta "desde hai 3 ou 4 anos" cun maior número de estudantes matriculad@s "e hai xente con problemas que despois do esforzo feito neste tempo consegue o título da ESO cando antes quedaba en 1º ou 2º curso", subliña. "Sempre estiven moi contenta mais, que vai pasar agora?", pregúntase. Para Mari Carmen non hai máis explicación que a vontade de "tirar todo abaixo", pois di, "en vez de arranxar están desarreglando". "Coido que non queren que o cole funcione", sentencia.
Na xuntanza que mantiveron @s representantes da Anpa esta quinta feira (2 outubro) acordaron agardar até que a nova equipa directiva sexa eleita oficialmente e presente a súa proposta de programación para valorala. No entanto, advirten, "como a cousa continúe igual ou empeore tomaremos medidas". Unha das accións que están a valorar é, neste senso, fechárense nas instalacións do centro ou deixar de mandar as crianzas á escola. Porén, Mari Carmen non se amosa moi favorábel, inicialmente pois asegura que "os que máis perden son os rapaces".
Ningún comentario:
Publicar un comentario