Os impresos do Servizo de Xestión Tributaria deste concello exclúen o galego a pesares das queixas presentadas ante o Valedor do Pobo.
A Mesa denunciou este venres que o Concello do Carballiño
subiu un novo chanzo no “seu desprezo á oficialidade do galego”. Así, e
a pesares de ter denunciado un caso de exclusión lingüística en
facturas oficiais, o Concello continúa sen utilizar este idioma e,
utiliza, ademais do español, o inglés.
No mes de xullo A Mesa pola Normalización Lingüística
xa presentou unha queixa diante do Valedor do Pobo porque a empresa
concesionaria do servizo de recadación municipal do Carballiño se negaba
a atender á cidadanía que falaba galego, incumprindo desta forma a
lexislación.
O Valedor admitiu esta queixa e requeriu información do Concello.
No informe que lle remitiu o Concello, comprometíase a solucionar o
feito de que neste servizo privatizado só se falase e entedese o
español. Este escrito sinalaba "que dende esta alcaldía mantívose unha
reunión o día 24 de xullo co director territorial da empresa
recaudadora, D. Blas Acosta Madueño, que foi onde se atendeu ao cidadán,
comprometéndose a solventar o erro cometido."
Con todo, e a día de hoxe, o problema segue sen solucionarse. E é que,
agora, os impresos do Servizo de Xestión Tributaria do Carballiño xa
están en bilingüe, pero, en troques do galego,utilizan o inglés.
Por iso, a Mesa pola Normalización Lingüística fixo chegar unha nova
denuncia ao propio Concello e ao Valedor do Pobo. “É ofensivo para a
cidadanía do Carballiño, e a galega en xeral, que a única resposta que
se dea ante o desprezo cara á lingua galega e os seus falante por parte
da empresa concesionaria dun servizo municipal, sexa engadir o inglés
nos impresos” sinalou o presidente desta entidade, Marcos Maceira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario