Ramón Bermúdez de Castro, decano e presidente do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, dirixiu unhas palabras de benvida a todos os asistentes, ao redor de 300, e lembrou que “aquí mesmo, nesta terra, temos creado solucións estupendas, que se están a exportar a outros países, pero que non se aplican en todas as comunidades autónomas. Aquí hai intelixencia, ciencia, saber, capacidade, innovación e dinamismo. Utilicémolos. Non nos podemos permitir formar a excelentes técnicos e enxeñeiros para que marchen. Apostemos pola investigación e o desenvolvemento, pola vangarda tecnolóxica e dixital, sen dúbida unha das mellores maneiras de facer país”.
Ramón Bermúdez de Castro: "Aquí hai intelixencia, ciencia, saber, capacidade, innovación e dinamismo. Utilicémolos. Non nos podemos permitir formar a excelentes técnicos e enxeñeiros para que marchen"A seguir, entregáronse os Premios Galicia das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2014, que recoñecen o compromiso das persoas e empresas co desenvolvemento das TIC. Os sete gañadores desta edición son os seguintes:
Premio Ingeniero Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Torus Software Solutions SL. Entregou o premio o director xeral de Intelsis, Gerardo García Alvela, e recolleuno Guillermo López Taboada, de Torus Software Solutions.
Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica. O propio Francisco Varela recolleu o galardón de mans do director xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Vigo.
Premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes. O encargado de entregar o recoñecemento foi o presidente de INEO, Jorge Cebreiros. Recibiuno Alberto Borrego Díez, health-director de Everis.
Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en colaboración con Amtega, paran InfoJC S.L., polo proxecto, Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable. Entregouno a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, a Javier Cebreiros, de Info JC.
Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, para a compañía R. O encargado de recollelo foi Julio Sánchez Agrelo, director da División de Rede da compañía, a quen lle foi outorgado polo conselleiro delegado de Acuntia, D. José Manuel Sánchez Mirón.
Socio de Honra 2014, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para a Cruz Vermella de Galicia. Fixo entrega do galardón Ramón Bermúdez de Castro, decano e presidente do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Recibiuno a presidenta da ONG na nosa comunidade, Carmen Colmeiro.
Para Gil Bernárdez, os enxeñeiros de telecomunicación “fomos un piar fundamental para o desenvolvemento da sociedade da información, pero sempre estivemos na trastenda”Enxeñeiro do Ano 2014 do Colexio Oficial e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia para Gil Carlos Bernárdez Matovelle, expresidente e socio fundador da AETG, quen recolleu o premio de mans do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
Trala entrega dos galardóns, o enxeñeiro do ano, Gil Bernárdez, pronunciou unhas palabras en nome de todos os premiados, nas que asegurou que é “un teleco de vocación” e nas que salientou que os enxeñeiros de telecomunicación “fomos un piar fundamental para o desenvolvemento da sociedade da información, pero sempre estivemos na trastenda”. Agora, nestes momentos difíciles “sobre todo, pero non so, pola maldita crise”, recomendoulles aos seus compañeiros máis novos que opten por dúas vías: “O emprendemento, que require esforzo e non é doado, ou a reconversión, para deixar de ser técnicos e virar en telecnólogos, un palabro que designa a un especialista en aplicar as TIC á mellora dos modelos de negocio dos diferentes sectores produtivos e socioeconómicos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario