mércores, 8 de outubro de 2014

A Mesa proba diante do Comité de Expert@s o “gravísimo” incumprimento da Carta das Linguas

O incumprimento da Carta Europea das Linguas é “gravísimo” e así llo fixo saber a Mesa pola Normalización ao Comité de Expert@s que visitou Galiza. 


A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) defendeu diante do Comité de Expert@s que se desprazou a Compostela para avaliar o cumprimento da Carta Europea das Linguas un informe no que se denunciou o grande retroceso que está a experimentar o proceso de normalización lingüística. 
A asociación dedicada á normalización do galego, a de maior número de asociados, presentou un informe no que se avaliaron os incumprimentos da Carta nos distintos ámbitos recollidos no documento, educación, xustiza, administracións públicas, medios de comunicación, servizos e actividades culturais, vida económica e social e intercambios tranfronteirizos. Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “o incumprimento é gravísimo e o noso informe evidencia os pasos atrás que se están a dar no proceso de normalización lingüística desde que Feijóo preside o goberno da Xunta”. Para a elaboración do informe, a Mesa recolleu as aportacións de varias entidades que traballan nos distintos ámbitos de normalización da lingua.
“O incumprimento é gravísimo e o noso informe evidencia os pasos atrás que se están a dar no proceso de normalización lingüística desde que Feijóo preside o goberno da Xunta”, Marcos Maceira
Na presentación da avaliación diante do Comité de Expertos, un dos seus compoñentes mostrou interese en saber se a Mesa fora consultada para a elaboración do informe oficial do goberno do Estado. “Respondemos que en ningún momento contaran coa nosa opinión para a elaboración dun informe que falsea a realidade do galego, fai propaganda de accións irreais nuns casos ou maquillan a situación noutros para dar sensación de que están cumprindo. Agocha, en definitiva, un retroceso histórico dos dereitos lingüísticos e mesmo chegan a atribuírse iniciativas que son da sociedade civil”, afirma Marcos Maceira.
A Mesa denunciou no seu informe que no ámbito educativo estanse a aplicar medidas que van contra a normalización da nosa lingua como o decreto contra o galego, concretamente o límite de presenza da nosa lingua nas aulas ou a ausencia do galego na educación infantil. Fixo referencia tamén á redución de apoio ás equipas de normalización, á introdución da Lomce ou á inexistencia de materiais en soporte dixital en galego. Na educación para adultos denunciou, máis unha vez, o despedimentos do profesorado do CELGA.
No campo da xustiza, a MNL fixo chegar ao Comité de Expertos a queixa porque o programa da Xunta impide a utilización do galego nos tribunais así como o feito de que o galego continúe sen ser requisito para acceder á xudicatura, fiscalía ou aos postos das secretarías. A Carta recolle que a vontade do cidadán ten que abondar para que un proceso xudicial se desenvolva unicamente en galego mais iso, segundo sinalou, non é posíbel no caso do galego.
"O informe do Estado falsea a realidade do galego, fai propaganda de accións irreais nuns casos ou maquillan a situación noutros para dar sensación de que están cumprindo", valoran na Mesa
Dirixirse á administración do Estado en galego tampouco é, segundo a Mesa, tarefa fácil xa que non existen formularios en galego e na administración electrónica a nosa lingua está ausente. Como exemplo, o informe recolle o rexeitamento de bolsas predoutorais por seren presentadas en galego ademais de demoras e molestias á cidadanía que pretende actuar con normalidade en galego. O mesmo acontece na administración local na que, segundo a mesa, a privatización está a conlevar a merma da prestación de servizos en galego. Increméntase, pola contra, o número de cargos políticos que teñen no español a súa lingua de comunicación. Recollen tamén desde a Mesa a redución drástica que sufriron os servizos de normalización lingüística dos concellos. A marxinalidade do galego en radios e TDT ademais da inexistencia de diarios na nosa lingua foi outro dos datos aportados pola Mesa para probar o incumprimento da Carta Europea das Linguas.

As eivas, cada vez maiores

A barreira da Galiza con outros espazos de fala galega fóra das nosas fronteiras e mesmo con Portugal, contravindo as recomendacións da Carta, queda á vista nos servizos e actividades culturais ademais de na posibilidade de emisión das televisións e radios públicas fóra dos territorios propios. En canto ao sector audiovisual, no marco da cultura, grave é a imposibilidade de distribución das obras en salas comerciais ademais da inexistencia de dvds traducidos doutras linguas. A redución de orzamentos para dobraxe na CRTVG afonda nesta situación.
No ámbito económico, a Mesa quixo facer mención ao retroceso da normalización nas entidades bancarias, en especial, desde a privatización das caixas de aforros e o nacemento de ABANCA, onde a lingua experimentou unha merma substanciais en contratos e trámites. A contratación por parte da Xunta e o Sergas foron outros dos focos que constatan, segundo a entidade presidida por Marcos Maceira, un maior incumprimento da Carta Europea das Linguas.
“Fronte a cerca de duascentas disposicións do Estado que obrigan ao uso de castelán en actividades comerciais ou información aos consumidores só hai unha que ampara o galego e non hai ningún mecanismo para facela cumprir, o que mostra a imposibilidade de usuarios de se expresar en galego”, comenta Marcos Maceira, nun dos múltiples exemplos que insiren no informe que agora avaliará o Comité de Expertos. A Mesa disponibiliza o informe completo na súa páxina web. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario