A Anpa do insituto de Viveiro continúa a súa loita pola adxudicación dunha praza docente que lles corresponde segundo o catálogo da Xunta.
Após máis dun mes desde que comezou o curso escolar, no IES Vilar Ponte de Viveiro continúan se persoal docente para unha praza de Lingua Castelá. Embora aparecer recollida no decreto publicado pola Xunta de Galiza --que lles outorga 43 prazas-- a Consellaría de Educación négase a cubrir este posto e exixe que a dirección do centro modifique os horarios para garantir o servizo con menos persoal.Desde o pasado mes de setembro a Anpa do Vilar Ponte mantén asembleas informativas e xuntanzas para reclamar "o que nos corresponde", asegura Mari Carmen, unha das nais. Porén, embora presentar a súa renuncia en bloque a anterior dirección, como medida de presión para evidenciar a escaseza de profesorado, desde a Xefatura Territorial de Educación nomearon unha outra directora e rexeitou dar cumprimento á súa propia normativa.
Perante esta situación, a Anpa decidiu a pasada sexta feira (10 de outubro) "entar nas aulas para explicar a profesores e alumnos o que está a acontecer", explica Mari Carmen en conversa con Sermos Galiza. O día anterior, acudiran até Lugo para se reuniren con representantes da Xefatura Territorial de Educación. Mais, reunid@s en asemblea "decidimos facer os pasos por aulas porque os novos horarios presentados pola directora non funcionan", sinalan desde a Anpa.
E é que "hai rapaces que teñen dúas horas de lingua xuntas e outros que non teñen Física e Química", asemade, conta Mari Carmen, "mudaron os tutores". O centro continúa a súa vida mais faino con carencias ben visíbeis, apuntan as nais e pais das crianzas que urxen "solucionar" o conflito para que este non se prolongue máis tempo.
A directora denunciou dúas nais por informar durante o horario lectivo do que está a acontecer no centroDúas nais denunciadas por "altercados"
Mais desde a nova equipa directiva --nomeada por Educación-- optaron por pór máis leña ao lume e denunciar a dúas das nais que protestaron no centro o 10 de outubro. Acusadas dun suposto delito de "altercado", Mari Carmen e outra nai tiveron que prestar declaración na comisaría viveirense e, arestora, agardan ser chamadas polo xuíz. "A policía di que se nos denunciou por botarmos os rapaces fóra da aula, mais iso é mentira", explican. Neste senso, a sorpresa de ambas as dúas mulleres chegou cando se decataron de que só foran denunciadas elas dúas "cando eramos 50 persoas as que acudimos ao centro".
Segundo o relato policial, a directora "só nos recoñeceu a nós" mais "iso tampouco é certo porque foi tutora dos fillos de outras moitas nais".
Unha dirección "ilegal"
O conflito enrócase e acrecéntanse novas cuestións pois a CIG denuncia o carácter "ilegal" do nomeamento da nova dirección. Segundo a central sindical esta non foi eleita de acordo co procedemento fixado polo Decreto 29/2007 que obriga a escoitar a opinión do Consello Escolar e do Claustro após o "cesamento da dirección durante o curso".
A CIG advirte que o nomeamento da nova dirección non seguiu o procedemento legal e que Educación podería estar a incorrer nunha suposta prevaricación"É máis que obvio que a Xefatura Territorial neste caso non ouviu nin o claustro nin o consello escolar porque non foron convocados para tal efecto e procedeu a nomear unha nova directora saltando a legalidade e incorrendo nun posíbel caso de prevaricación", advirten desde a CIG-Ensino que xa presentou un recurso, o día 13 de outubro, perante a Xefatura Territorial de Lugo. "Demandamos que rectifique e anule o nomeamento desta dirección, que se convoque o claustro e a consello escolar para elixir unha nova dirección que cumpra coa normativa e que sexa referendada pola maioría tanto do claustro como do consello escolar".
Aliás, instan á elaboración "uns novos horarios conforme á lei e que sexan os distintos departamentos, unha vez reunidos, os que distribúan as horas que lles corresponden así como a asignación de grupos ao profesorado e que non sexan impostos como parece querer facer a dirección e a inspección educativa".
AGE e BNG levan ao Parlamento o conflito
As cousas non fican aí. Desde os grupos parlamentares de AGE e BNG presentaron senllas propostas non lexislativas encamiñas a procurar unha solución ao conflito no IES Vilar Ponte. Mais desde as organizacións políticas entenden que esta pasa pola adxudicación da praza docente de Lingua Castelá que lle corresponde ao centro e que permitiría cubrir os horarios e quendas do profesorado. Asemade, exixen a retirada da denuncia ás dúas nais que poderían ser sancionadas e/ou multadas.
Entrementres, a Anpa continúa adiante coa súa folla de rota e esta quinta feira (16 de outubro) convocan unha manifestación ás 19.30 horas após a xuntanza do Consello escolar. Doutra banda, o pleno municipal debaterá sobre o conflito a instancias das forzas da oposición que conxuntamente presentarán unha moción de apoio á Anpa e alumn@s. O grupo municipal do Partido Popular, até o momento, non amosou o seu apoio a esta iniciativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario