Ante estes expertos, entre os que se atopaba o galego Fernando Ramallo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, "expuxo as principais liñas de actuación que ten arestora en marcha a Administración autonómica no tocante á promoción da lingua propia de Galicia e á súa normalización nos principais ámbitos sociais, como son a administración, a xustiza e a educación". Así o aclara a Xunta nun comunicado no que non dá moito detalle máis dunha xuntanza na que sacou peito -tal e como fixo en numerosas intervencións públicas- da súa política lingüística, criticada con dureza, precisamente, no anterior informe do Consello de Europa.
O informe final sobre o cumprimento da Carta Europea en Galicia estará aprobado a finais deste anoA partir dun informe inicial remitido por España, e coa información obtida nestas entrevistas e visitas in situ -en Galicia, pero tamén noutras comunidades-, o grupo de traballo elaborará un informe preliminar que posteriormente será debatido polo grupo de expertos no seu conxunto. Cando se aprobe, probablemente a final de ano, enviaráselle ao Consello de Europa, que llo remitirá ao Goberno español.
Recollerá unha completa análise da política lingüística en Galicia e que partirá de datos, experiencias e achegas recollidas das entrevistas mantidas este luns con numerosas entidades como a Real Academia Galega, do Instituto da Lingua Galega, o Consello da Cultura ou A Mesa. Pero tamén con outros representantes dos ámbitos como o Colexio de Xornalistas de Galicia, o Foro Enrique Peinador, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, a Irmandade Xurídica Galega ou a Asociación de Medios en Galego. Faltan, ao contrario que noutras ocasións, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) ou os equipos de normalización dos centros escolares, que non foron convocados e que xa amosaron a súa decepción e contrariedade.
Poucas valoracións positivas sobre a situación do galego levaron os membros do comité de expertos destes encontros, á marxe das achegas da Xunta de Galicia. Así, A Mesa pola Normalización Lingüística, que censurou a "parcialidade e falta de rigor" do informe presentado polo Estado, denunciou ante os enviados do Consello de Europa varios incumprimentos da Carta Europea. Destacaron as "limitacións para o ensino en galego que introduciu a Xunta co decretazo contra o idioma e o Estado coa Lomce".
Deste xeito, A Mesa censurou tamén que non haxa material pedagóxico en galego para diversas materias, a precarización da oferta de cursos de galego para adultos ou a situación do profesorado Celga. Tamén, no ámbito da xustiza, destaca que a lexislación española "continúa a non garantir os dereitos recoñecidos pola Carta", e a propia administración dificulta o uso do galego a aqueles xuíces e xuízas que o empregan, "non dispoñibilizando lexislación consolidada en galego ou implantando o sistema informático Minerva.
A Mesa denunciou as "limitacións para o ensino en galego que introduciron a Xunta e o Estado co decretazo e a Lomce"No ámbito da administración, denunciouse a modificación na Lei da Función Pública para ningunha das probas de acceso fosen na nosa lingua, os problemas de atención á cidadanía en galego nas adminisracións locais ou as dificuldades para dirixirse en galego á Administración do Estado. Tamén destacan a falta de acción pública de fomento de galego nos medios de comunicación; a imposibilidade de acceso ao audiovisual galego ou traducido ao galego nas canles comerciais; ou as "dificuldades" para ter a opción de utilizar o galego nas documentación, información ou relacións comerciais e bancarias, ou a desprotección dos consumidores e usuarios para facer valer os seus dereitos lingüísticos ante as empresas.
“É importante coñecer que existen tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas que amparan os nosos dereitos lingüísticos e tamén o é denunciarmos que o Estado e a Xunta os están a incumprir coa súa política galegófoba”, dixo Marcos Maceira, presidente d'A Mesa.
Por outra banda, Xosé González, presidente do Foro Peinador, foi outro dos que se reuniu cos representantes do Consello de Europa para lles manifestar que a situación da lingua propia no ámbito socioeconómico "segue a ser mala, aínda que menos mala que hai uns anos para acó".
Así, desde o Foro volveron reivindicar que a lei de orzamentos de Galicia recolla un mínimo nas subvencións para que as empresas garantan os dereitos lingüísticos dos seus traballadores e consumidores. É só unha das medidas que propuxo unha entidade que lle lembrou aos expertos que "a UE ten moito que dicir" á hora de garantir os dereitos dos galegofalantes, así como a posibilidade de que as institucións europeas "fagan campañas a prol da diversidade lingüística". Xosé González recriminou tamén que mentres a Carta Europea das Linguas vela polos idiomas minorizados en calquera ámbito, Bruxelas "dificulta a súa expansión en temas como a etiquetaxe", e volveu insistir na necesidade de que a defensa do idioma "non siga centrándose só no ámbito cultural cando o sector maioritario, o económico, segue quedando á marxe".
O Colexio de Xornalistas e a Asociación de Medios en Galego censuraron as escasas axudas aos medios na lingua propia fronte aos milleiros de euros para os que apenas a usanTamén foi moi crítico, por exemplo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que volveu referirse á política de subvencións públicas aos medios para criticar, a través dun detallado informe entregado ao comité, as escasas axudas que reciben os medios en galego fronte aos milleiros de euros das grandes cabeceiras por provocar tan só algunhas e minoritarias novas no idioma propio. "Repasando a lista dos beneficiarios, vese que moitos dos que calquera nomearía como medios galegos non están, e si aparecen outros descoñecidos. Eu estou seguro que se cumpren escrupulosamente as normas, e polo tanto, as normas non son as axeitadas para os fins que se buscan", dixo o seu decano, Xosé Manuel Pereiro.
O Colexio de Xornalistas lembra que a radio e prensa local e comarcal seguen a carecer de axudas institucionaisTamén aclarou a través do estudo que se ben había aspectos da Carta Europea xa alcanzados, como a existencia dunha televisión e unha radio públicas de moi ampla cobertura en galego, aínda seguían incumpríndose moitas das carencias apuntadas no cuarto informe do Consello de Europa; entre elas, a inexistencia dun medio de prensa. Así mesmo, salientou que os exemplos de radio e prensa local e comarcal de ampla incidencia que saudaba o devandito informe, como as emisoras municipais integrantes de Radiofusión, ou os novos diarios dixitais, carecen de calquera axuda gobernamental.
En canto ao panorama mediático, a Asociación de Medios en Galego (Amega), a través de Xurxo Salgado, denunciou a difícil e "precaria" situación pola que pasan os medios en lingua propia e reclamou maior implicación das administracións no seu impulso. Todo tras criticar tamén as enormes axudas públicas recibidas por grandes corporacións que apenas empregan a lingua do país, mentres os que si a empregan están excluídos delas.
En definitiva, Amega advertiu da "inferioridade de condicións" coa que os medios en galego intentan saír adiante, excluídos das axudas públicas e apartados de calquera apoio institucional. Ademais, a entidade anunciou aos expertos a proposta de Lei de Publicidade Institucional presentada no Parlamento hai uns días e que, co apoio dos grupos da oposición, pretende achegar transparencia ao reparto de axudas públicas e publicidade institucional nos medios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario