luns, 27 de outubro de 2014

STEG teme un novo recorte no servizo de transporte escolar

Di que “racionalizar seguirá significando recortar e repagar, copago seguirá indicando que hai que pagar dúas veces polo mesmo servizo”.

O Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) que que, tras o anuncio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de "racionalizar" o transporte escolar para o "logro dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira", oculta un novo recorte deste servizo público.
 
“Isto agocha un obxectivo claro de limitación de gasto que, a efectos prácticos, tradúcese nunha limitación do servizo, tal e como nos teñen acostumados nos últimos tempos co desmantelamento da rede de orientación de Galicia ou co decreto que legalizou o repagamento dos comedores escolares en agosto de 2013”, denuncia este sindicato nun comunicado.
 
Así, suliña que o transporte escolar non debe considerarse un gasto, como quere facer ver o conselleiro, senón un servizo imprescindible para garantir o acceso ao ensino público nun país cunha poboación tan dispersa como Galicia. “STEG descoñece o alcance real do recorte que pretende a Consellería, pero critica que se contemplen medidas que dificulten ás familias no inmediato futuro o acceso e o uso do servizo, como poidan ser o repago do transporte escolar, a redución de rutas, a diminución de alumnado usuario e/ou a eliminación e agrupamento de centros educativos”, sinala.
 
STEG tamén critica que medidas tan sensibles se introduzan no debate orzamentario e non sexan discutidas e debatidas coas organizacións sindicais nos organismos de representación pertinentes, así como con toda a comunidade educativa.
 
Por último, STEG quere resaltar que o uso de eufemismos por parte da Consellaría. “Racionalizar seguirá significando recortar e repagar, copago seguirá indicando que hai que pagar dúas veces polo mesmo servizo e mellora da calidade seguirá sendo darlle as costas ás necesidades reais do alumnado, profesorado e nais e pais”, conclúe.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario