Considera que non permitirán recuperar nin o emprego nin os salarios da e dos empregados públicos e chama a movilizarse o 12 de novembro nas 7 cidades galegas.
Delegados e delegadas da Área Pública da
CIG concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta
de Galiza, en San Caetano, para manifestar a súa rotunda oposición aos
orzamentos presentados polo goberno para 2015. Denuncian que non
permitirán recuperar nin o emprego, nin os salarios e alertan de que
inciden no desmantelamento do sector público. A CIG-Área Pública ten
convocadas novas concentracións, nas 7 cidades galegas, para o día 12 de
novembro ás 12:00 horas.
Con estas mobilizacións a Área Pública da CIG (CIG-Ensino,
CIG-Saúde e CIG-Administración) demanda un cambio nas políticas
neoliberais do executivo galego; a recuperación do poder adquisitivo do
persoal dependente da Xunta de Galiza e a supresión das taxas de
reposición que afogan os servizos públicos minguando a súa calidade.
Isto xunto coa exixencia de que se devolvan, enteiras, as pagas extra de
todos estes anos.
Neste sentido, no decurso da concentración
denunciaron que nos últimos 5 anos as empregadas e empregados públicos
perderon un 30,9% do seu poder adquisitivo. Unha situación que se mantén
nestes orzamentos que, denunciaron, se limitan a recoller as liñas
marcadas desde Madrid agás en aspectos como os retributivos, para os que
a Xunta ten competencias que usa para manter a redución das pagas
extra, a diferenza do persoal dependente da administración do Estado.Para a Área Pública queda claro que a pretensión do executivo galego é ir desmantelando os servizos públicos. Só así se explica que desde o ano 2009 os orzamentos destinados ao ensino público diminuíran en 660 millóns de euros, o que ten provocado carencias que se evidenciaron especialmente ao comezo deste curso escolar, sobre todo coa falta de profesorado.
A este respecto, a CIG-Ensino denunciou que é absolutamente insuficiente a taxa de reposición do 50%, máis cando desde 2009 se produciron 4.000 xubilacións de profesores/as e só se ofertaron neste período, para suplilos, un total de 585 prazas.
Ante esta situación, para a CIG-Ensino é esencial que, como mínimo, a oferta de emprego sexa en igual número ás vacantes que, por xubilación ou outros motivos, se produzan e para todos os niveis educativos.
Alén da falta de profesorado, a CIG-Ensino denuncia que a redución orzamentaria vai provocar que se amplíen as diferenzas sociais ao reducirse os servizos complementarios e a atención ás necesidades especiais, porque poderán acceder a estes servizos quen teñan cartos para asumir o seu custo. Porén, destínanse 250 millóns de euros para o ensino privado concertado.
Os orzamentos en Sanidade tamén sufriron unha diminución, desde o ano 2009, en 400 millóns de euros. Unha cantidade que para a CIG-Saúde non se compensa cos 11 millóns que se incrementan para o 2015. Máis cando entende que, en realidade, estes 11 millóns de euros irían destinados a pagar os canons das privatizacións.
Fronte a isto, a CIG-Saúde alerta da diminución dos orzamentos destinados a Atención Primaria, Protección e Promoción da Saúde Pública, a Investigación Sanitaria e a formación de graduados e postgraduados.
A CIG-Saúde sostén, ao igual que a CIG-Ensino, que a taxa de reposición do 50% é completamente insuficiente xa que entre 2011 e 2014 produciuse unha amortización de máis de 3.000 prazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario