xoves, 23 de outubro de 2014

Os empresarios pídenlle á Xunta apoio para o galego e "non esmolas"

Un foro de empresarios reclama á Xunta incentivos para o uso do noso idioma. Besteiro destaca que o futuro do galego estaba “ máis garantido con Fraga que con Núñez Feijóo”.

Incentivos inherentes ao respecto á lingua galega e recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos traballadores e os consumidores. Iso é o que lle pediu este mércores á Xunta un cento de empresarios galegos, agrupados no Foro Enrique Peinador.
 
Por iso, instaron ao Goberno galego a que inclúa nos seus orzamentos, partidas para o galego no financiamento de proxectos industriais. Foi no Parlamento, durante a celebración do Día da Galeguidade Empresarial, organizado pola Cámara, a Xunta e o Foro Enrique Peinador, e no que, ademais, se aproveitou para conmemorar o décimo aniversario da aprobación do Plan de Normalización Lingüística.
 
"O galego axuda a vender e a denominación de orixe e calidade que imprime o uso do galego demostrou, dez anos despois da aprobación do Plan de Normalización Lingüística, a eficacia e expansión da lingua nunha economía que debe crecer e internacionalizarse levando con ela a noticia dunha lingua secular, auténtica, perfectamente instalada para gañar un futuro próspero", sinala a declaración subscrita polos empresarios.
 
Foi Xerardo García, da empresa Intelsis, o encargado de ler este documento apoiado por un centenar de empresarios na que, ademais, de reclamar incentivos para o galego, solicitan que as universidades colaboren con programas formativos que capaciten e sensibilicen aos futuros xestores empresariais na galeguización do tecido económico".
 
O empresario Xosé Turnes, que falou en nome dos seus compañeiros, insistiu en que aínda que se avanzou moito, "falta moito por andar" no uso normal e cotián do galego e asegurou que "aínda que perde implantación social, nunca estivo tan ben".
 
Afirmou que ten a sensación de que "algún gobernante non fai todo o que pode" e reclamou o apoio da Xunta, "non esmolas", porque o galego é "unha oportunidade para competir no mundo globalizado".

Apostar polo galego

Nos seus discursos, os empresarios avogaron por seguir percorrendo o camiño trazado coa aprobación do plan e levar a todos os ámbitos a normalización do idioma galego, tamén no mundo empresarial e económico, xa que, como sinala a declaración "facer negocios en lingua galega é posible, non hai un só indicador estatístico que desaconselle o seu uso".
 
O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, considerou que houbo moitos avances na normalización do galego pero preguntouse "se son suficientes", xa que "basta con ser sociolingüista de autobús" para saber a situación do idioma.
 
Pola súa banda, o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, destacou o papel deste grupo por "restablecer o diálogo entre lingua e economía" e por ter conseguido que moitos empresarios se vaian involucrando na normalización da lingua.
 
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, limitouse a dicir que a súa política “está inspirada na folla de ruta que marca o plan de Normalización"."Deixamos constancia de que andamos un longo camiño e que a pesar das dificultades seguimos en movemento e que queda moito camiño por facer", concluíu.

Facía máis Fraga que Feijóo

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, afirmou que o futuro do idioma galego estaba máis garantido durante a presidencia da Xunta de Manuel Fraga que na de Alberto Núñez Feijóo.
 
Así, lamentou que en 2004 "a vida do galego prevíase moito máis intensa, máis rica", pero os últimos datos de galego-falantes -dixo- "advirten dunha clara involución". Tras sinalar que se trata de algo "que a calquera partido con presenza activa en política en Galicia tenlle que preocupar", insistiu en que "a situación real hoxe é peor que a de 2004" e o idioma "vese moito menos defendido".
 
Gómez Besteiro denunciou que o galego debe convivir con outros idiomas "en situación de inferioridade" e criticou "a política do últimos seis anos do PP", que "é claramente decadente na utilización e a potenciación do noso idioma, que é a nosa obrigación", sentenciou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario