- A Mesa denuncia as represalias da Axencia Tributaria contra a asociación por reclamar o seu dereito de utilizar o galego.
- A asociación en defensa da lingua anunciou que recorrerá a sanción da Axencia Tributaria perante todas as instancias administrativas e mesmo xudiciais que sexa preciso para denunciar esta “agresión intolerábel” dos nosos dereitos lingüísticos.
- Marcos Maceira: “O Goberno do PP usa as administracións de todas e todos para impor a súa ideoloxía excluínte por medio da represión”.
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2014. A 
Mesa pola Normalización denunciou nunha rolda de imprensa celebrada esta
 mañá as represalias da Axencia Tributaria contra a asociación en 
defensa do idioma por reclamar o seu dereito a recibir as notificacións 
desta administración en galego.
 Segundo denunciou A Mesa, a Axencia Tributaria 
remitiulle onte a notificación dun expediente sancionador por 
“resitencia, obstrucción, excusa a las actuaciones de la Administración 
Tributaria”.
 Os feitos orixináronse o pasado 15 de xullo cando A
 Mesa pola Normalización Lingüística recibiu unha notificación de 
requerimento da Oficina de Xestión Tributaria de Santiago de Compostela 
en relación coa certificación do cambio de representante legal da 
entidade derivada do cambio de directiva levada a termo na súa última 
asemblea nacional. Ao estar a dita notificación unicamente en español, A
 Mesa presentou por escrito ante sede compostelá da Axencia Tributaria 
unha solicitude reclamando seu dereito a recibir esa notificación en 
lingua galega e que se tramitase o procedemento neste idioma.
 Tras pasaren varios meses sen obter resposta, A 
Mesa volveu presentar esta solicitude por escrito ante a Axencia 
Tributaria o pasado 10 de setembro, sen obter tampouco resposta por 
parte da Administración até que o día de onte, 28 de outubro, recibiu 
unha notificación (máis unha vez, excluíndo o uso do galego) na que se 
lle comunicaba o inicio dun expediente sancionador por “resitencia, 
obstrucción, excusa a las actuaciones de la Administración Tributaria”.
A Mesa calificou a resposta da Axencia Tributaria 
de “ilegal” e “indecente”, e anunciou que recorrerá a sanción da Axencia
 Tributaria perante todas as instancias administrativas e mesmo 
xudiciais que sexa preciso para denunciar esta “agresión intolerábel” 
dos nosos dereitos lingüísticos.
 Neste sentido, o presidente da Mesa Marcos Maceira 
asegurou que as ameazas de sanción económica da Axencia Tributaria non 
farán calar á Mesa, nin axudarán a que desista de reclamar o seu dereito
 de utilizar o galego ante a administración, dereito recollido en toda a
 lexislación vixente. Deste xeito, Maceira denunciou que este é un paso 
máis na deriva totalitaria do goberno popular: “Esta é outra mosta de 
como o Goberno do PP usa as administracións de todas e todos para impor a
 súa ideoloxía excluínte por medio da represión”.  
 Así, Maceira lembrou que a Mesa leva meses 
denunciando os pasos atrás que a Administración do Estado está a dar 
desde a chegada do PP ao Goberno no recoñecemento da realidade 
plurilingüe do Estado e o respecto á oficialidade das linguas diferentes
 do español. O caso da Axencia Tributaria é un dos máis sangrantes, pois
 está a levar a cabo un proceso de erradicación do galego en todas os 
trámites, modelos de documentos, etc. que até hai uns anos se podían 
facer en galego, incumprindo a propia lexislación do Estado e tratados 
internacionais como a Carta Europea das Linguas
 A Mesa reiterou que a 
súa solicitude de recibir as notificacións da Axencia Tributaria na 
lingua propia e oficial de Galiza é un dereito recoñecido e amparado 
pola lexislación vixente, e denunciou a manobra perversa de identificar a
 reclamación dos dereitos legalmente recoñecidos coa “resitencia e 
obstrución” ás actuacións da administración, como suxire esta sanción.
 A Mesa lembrou que 
toda a lexislación e xurisprudencia vixente recoñece o dereito da 
cidadanía galega a exixir que calquera notificación, de calquera 
Administración Pública con sede no territorio da Comunidade Autónoma de 
Galiza, que afecte os seus intereses, estea redixida en galego e que o 
procedemento se tramite na lingua oficial elixida pola persoa 
interesada. Así, a Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común
 recoñece no seu artigo 35 como un dereito dos cidadáns nas súas 
relacións coas Administracións Públicas o de “utilizar as linguas 
oficiais no territorio da súa Comunidade Autónoma”. Do mesmo xeito, no 
seu artigo 36 sinala literalmente:
 “A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán. Non obstante
 o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración
 Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma 
poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado”.
 Neste sentido a 
Constitución estabelece no seu artigo 3 o carácter oficial das linguas 
das comunidades autónomas, xunto co castelán, nos seus respectivos 
territorios. Isto significa, segundo a interpretación do Tribunal 
Constitucional, que aquela declaración vincula a todos os poderes 
públicos radicados e con competencias nos correspondentes territorios, 
icluídos, por tanto, os do Estado no sentido estrito. De acordo con 
isto, o Estatuto de Autonomía de Galiza
 recoñece que o galego é a lingua propia de Galiza e insta a que os 
poderes públicos garantan “o uso normal e oficial dos dous idiomas” e 
potencien “o emprego do galego en todos os planos da vida pública” (art.
 5.3). Do mesmo xeito, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística,
 recoñece no seu artigo 4.1 que o galego, como lingua propia de Galiza, é
 lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa 
Administración; e no artigo 6.3, do devandito texto legal, insta os 
poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, 
oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. O dereito dos 
administrados a seren atendidos oralmente e por escrito na lingua 
cooficial da súa elección tamén se recolle no artigo 54.11 da Lei 7/2007, do estatuto básico do empregado público e mais o artigo 10.3 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, entre outros.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario