mércores, 22 de outubro de 2014

O IES Vilar Ponte elixe a terceira dirección nun mes

pós a denuncia da CIG-Ensino, o claustro elixiu unha nova directora que substitúe a nomeada pola Xefatura territorial de maneira irregular.

Máis unha volta de porca no conflito que atinxe o IES Vilar Ponte (Viveiro). Por terceira vez en pouco máis dun mes o centro contará cunha nova dirección. Nesta ocasión, eleita polo claustro de acordo co fixado na lexislación educativa. A decisión foi adoptada na segunda feira (20 de outubro) após a denuncia presentada pola CIG-Ensino que recorreu o nomeamento, por parte da Xefatura Territorial, da anterior directora. 
A persoa que asumirá a partir desta semana o control do centro contou co apoio do 65% do claustro mais non resolve o problema de fondo. "É para darlle normalidade ao instituto, mais a carencia é a mesma, falta o profesor número 43".
As demandas continúan a ser as mesmas e aí a Xefatura Territorial de Educación, encabezada por Mariña Geuimunde. A responsábel de ensino, e concelleira viveirense, non ten pensado escoitar as reclamacións do conxunto da comunidade educativa e mesmo se ausentou do pleno municipal no que as forzas con representación no Concello de Viveiro debateron sobre a situación que atinxe o Vilar Ponte.
Ninguén xustificou a ausencia de Geuimunde, nen sequer o grupo local do Partido Popular. Porén, a todas luces o que quixo evitar a xefa territorial foi posicionarse publicamente e como responsábel política. A súa formación optou finalmente pola abstención nun pleno en que BNG, PSOE e Independentes por Viveiro apoiaron as demandas da Anpa e instaron o concello a exixir a adxudicación da praza que a Xunta lle nega ao centro desde que comezou o curso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario