martes, 7 de outubro de 2014

Cinco comedores escolares de Barbanza xa están saturados

O colexio de Abanqueiro e o de Frións teñen lista de espera e no da Picota deberán liberar prazas de profesores se hai novos inscritos.

Cara e cruz nos colexios de Barbanza. Mentres que cinco comedores escolares -xestionados directa ou indirectamente pola Xunta de Galicia- están xa saturados, hai outros controlados polas asociacións de pais que apenas rozan os vinte comensais. E é que a diferenza de prezo que pode haber entre uns e outros non é baladí en tempos de crises. No Castelao de Rianxo xa non hai prazas libres e son máis de douscentos os pequenos que xantan cada día nas instalacións. No comedor do colexio mazarico da Picota tampouco hai vacantes e se se rexistran novos inscritos será necesario liberar as prazas dos profesores. Cinco docentes comen cada día no servizo.
Noutros comedores subvencionados como o de Abanqueiro e o de Frións incluso hai lista de espera. As prazas no centro boirense aumentaron este curso ante a gran demanda rexistrada en anos anteriores, pero a capacidade aínda non é suficiente e non todas as familias que o desexan gozan do servizo. O mesmo ocorre no de Frións, que conta con case corenta comensais. A saturación tamén se fai patente no centro muradán Ramón de Artaza, onde os luns e martes xa non hai prazas dispoñibles para os nenos que queiran xantar nas instalacións educativas.
Entre cinco e sete euros
A outra cara da moeda dáse en colexios como o de Palmeira ou o Santa Baia. No primeiro son só unha decena os pequenos que gozan do servizo de comedor, xestionado pola asociación de pais. O custo oscila entre os cinco e sete euros ao día, dependendo de se os usuarios demandan o servizo de luns a venres ou de forma esporádica.
Tal e como establece a Xunta de Galicia, o comedor é gratuíto para os alumnos que cursen o ensino básico e o segundo ciclo de educación infantil pertencentes a unidades familiares cunha renda familiar anual inferior aos 7.000 euros. Tamén para aqueles con discapacidade superior ao 33 %.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario