Queremos Galego! convoca un acto esta cuarta feira, 22 de outubro, ás 11.00 h diante do Parlamento de Galiza.
A Secretaría Xeral de Política Lingüísitica anunciou para a Cuarta
Feira 22 de outubro ás 11h, un acto no Parlamento Galego para
“conmemorar” os 10 anos do Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega.
Que un goberno como o actual se atreva a celebrar os dez anos deste
Plan, cando nos últimos cinco anos se dedicou a incumprilo abertamente e
a desmontalo, é un acto de humillación a todas as persoas que
defendemos a nosa lingua ao que Queremos Galego dará resposta.
Por iso a cuarta feira 22 de outubro ás 11.00 h, estaremos alí
denunciando o desmantelamento do Plan e a política antigalego que
aplica este goberno, a través da lectura dun manifesto que
posteriormente será entregado no Parlamento dirixido a todos os grupos
parlamentares.
10 anos despois da aprobación do Plan Xeral de Normalización da
Lingua Galega, cando a Xunta se permite celebrar coa arrogancia que a
caracteriza este aniversario, cando o número de falantes de galego se
reduce ano a ano, cando na realidade cotiá o galego non é realmente
lingua oficial no seu propio territorio, reclamamos do goberno galego:
- Que retorne ao consenso de 2004 e cumpra coa obriga de potenciar a lingua galega.
- Compromiso explícito e efectivo co PXNL e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas do PXNL.
- Posta en marcha inmediata das medidas contempladas no
PXNL, coa aprobación dun calendario que comprometa fases, prazos de
execución, etc.
- Derrogación de todas as
disposicións legais contrarias ao PXNL nomeadamente do Decretazo
79/2010 contra o galego, e as relacionadas co ensino e coa
administración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario