O viceconselleiro Guillem Estarellas, exlíder do PP balear, era o xestor do decreto.
A crise política e social aberta, dende setembro de 2013 coa aplicación do trilingüismo nas escolas de Baleares, segue viva. O Tribunal Superior anulou e suspendeu o TIL (Tratamento Integrado de Lenguas) en tres sentenzas, catro autos e unha interlocutoria coa que emprazou o Executivo a oficializar a súa suspensión. O Goberno recorreu e recomenda aos centros que se aplique o TIL, pero nalgúns colexios recóbranse os antigos proxectos lingüísticos.Tras o cambio de conselleira de Educación tras o revés xudicial -saíu Juana María Camps e entrou Nuria Riera- agora caeu o principal xestor do modelo de ensino en inglés, castelán e catalán, Guillem Estarellas, que era o viceconselleiro, secretario autonómico de Educación.
Era un peso pesado porque foi exsecretario xeral do PP de Baleares e o seu cargo en Educación foi creado adrede para darlle máis rango á súa función. Era un delegado persoal do presidente do Goberno José Ramón Bauzá. Os sindicatos reclamaran a súa destitución tras o cesamento da conselleira Camps.
Estarellas, profesor e político que ocupou diferentes postos no organigrama da consellaría, era na práctica o motor do proxecto estrela do presidente Bauzá que o ergueu para impulsar o seu plan. Durante a folga de tres semanas, ao inicio do curso 2013-2014, o xa exsecretario autonómico asumiu o papel de interlocutor dos folguistas.
No Departamento de Educación, dende 2011, houbo xa tres conselleiros: Rafael Bosch, Juana María Camps e Nuria Riera. A Estarellas atribúeselle responsabilidade ante as reiteradas sentenzas xudiciais que anulan e suspenden a aplicación do actual modelo educativo trilingüe do TIL e as resolucións adversas sobre normativas e designacións de funcionarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario