luns, 27 de outubro de 2014

Quen é fascista?

O conselleiro de Educación cualifica de “fascistas” a un grupo de estudantes que previamente chamara tamén “fascista” a Feijóo á entrada dun acto na USC. Xavier Vence di que o PP “non entende” o que é esa palabra porque “cústalle” condenala.

Fascista semella ser a palabra de moda. De fascistas foron cualificados os atentados de Resistencia Galega, de fascista tamén as políticas sociais de Núñez Feijóo e últimamente, fascitas son, directamente o propio presidente da Xunta e os estudantes que utilizan ese termo para cualificalo.
 
O último episodio de “fascismos” tivo lugar a última hora deste xoves na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.  Alí acudiu Feijóo para inaugurar a XV Conferencia de Decanos e Directores de Matemáticas. Ao chegar ao acto viu que había un grupo de estudantes concentrados coreando consignas contra el e contra as súas políticas. Os estudantes permaneceron diante da porta da facultade e o presidente galego agardou no seu coche oficial coa súa escolta. Estivo alí un anaco ata que, finalmente, decidiu non entrar.
 
Un feito que este venres criticou duramente o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, tque cualificou  de "fascista" a protesta do cento de estudantes concentrado en Matemáticas. Precisamente, utilizou o mesmo termo co que os propios alumnos se dirixiron ao presidente galego.
 
O que puidemos ver foi un acto totalitarista e fascista, e creo que a propia universidade teno que condenar. Non se lle pode permitir a ninguén. Se falamos de que a universidade é o centro do saber, o centro da palabra... onte puidemos comprobar precisamente o contrario, cuns argumentos nos que non vou entrar", dixo Vázquez Abad.
 
Precisamente, a protesta deste grupo de estudantes foi pacífica e contra os recortes que os gobernantes executan en materia de educación. Por iso, coreaon lemas como "aquí non hai presidente" e "deixade de facer propaganda". “Son actitudes que nada din dun país en progreso e democrático", engadiu. 

O PP “non entende” que é fascismo

Uns argumentos que non convenceron, nin de lonxe, ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que reclamou á Xunta talante "democrático" para aceptar as protestas dos colectivos que "sofren" as consecuencias das "nefastas" políticas levadas a cabo polo Goberno Feijóo.
 
"Un goberno ten que ter o mínimo talante democrático para aceptar as protestas", dixo ao tempo que considerou "curioso" o uso do termo fascismo por parte da Xunta, “posto que a súa resistencia a condenalo quere dicir que non entenden que é o fascismo”.
 
Ademais, o portavoz do Bloque censurou que desde o Goberno popular non se entenda a postura da xente, que está "indignada" coas súas políticas e que ten "dereito a expresalo abertamente", xa que doutra forma nunca son atendidas as "reclamacións" de colectivos como o estudantil. 
 
Non é a primeira vez que Feijóo fuxe das protestas universitarias, tras sufrir momentos de tensión con tres deles nun acto en Ourense. En 2012 declinou asistir á inauguración do curso escolar na Coruña, precisamente, polas protestas estudiantís.

Ningún comentario:

Publicar un comentario