Asegura que a súa política lingüística “é exactamente igual a que facía Fraga; bilingüismo nas aulas e promoción do galego nos eidos empresariais e culturais”.
Non hai política lingüística para a Xunta máis alá da do “bilingüismo
cordial” que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, instaurou na súa
primeira lexislatura e que chegou ao Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia (TSXG) logo de que o aplicara lexislativamente baixo a forma de
“decreto do plurilingüismo”
De feito, Feijóo foi taxativo cando GC lle preguntou este xoves na
rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola súa case inexistente
política lingüística. “Actuamos conforme a lei e dando liberdade á
xente para que use o idioma que queira”, dixo.
“Este xoves cumpríronse dez anos do Plan de Normalización Lingüística
cun acto na Cámara. Tivo protestas fóra, dentro os empresarios pediron
apoio para o galego e non “esmolas”, os partidos da oposición critican a
inexistencia de políticas lingüísticas, o líder do PSdeG di que Fraga o
facía mellor e, aínda por riba, nos orzamentos as partidas son menores e
non tivo nin unha palabra para a lingua galega no seu discurso de
investidura. Cre que isto é apoiar o galego?”, foi a pregunta.
E a resposta ben elocuente: “Temos un decreto do bilingüismo que ten o
visto e prace do TSXG”, dixo. Sen embargo, ese mesmo tribunal anulou
varios artigos desa norma, entre elas, a que estipulaba a realización
dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil que supuxo por
exemplo o varrido do galego no 96% dos centros de infantil das cidades
ou o que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da
súa preferencia.
De feito, o alto tribunal galego mesmo entendeu que parte do articulado
dese decreto era contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización
Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego. Unha lei que foi
aprobada en época de Fraga e que a oposición e entidades sociais e
culturais entenden que Feijóo non cumpre.
Sen embargo, o presidente galego insistiu en que a súa política
lingüística “é exactamente igual a que facía Fraga; bilingüismo nas
aulas e promoción do galego nos eidos empresariais e culturais”, dixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario