Por volta de medio cento de axentes impediron que unha manifestación estudantil percorrese a vila.
Na mañá do 23 de outubro un forte continxente policial impediu que na vila de Redondela tivese lugar unha manifestación convocada pola organización estudantil ARDE.A mobilización, que non fora comunicada á Subdelegación de Goberno, congregou a perto dun cento de estudantes ás portas do IES Pedro Floriani, de onde partiría. Mais @s axentes obstruíron a súa saída rodeando @s alumn@s, na súa maioría menores de idade. O protesto visaba amosar o rexeitamento estudantil á LOMCE.
Máis de 50 axentes e 7 furgóns da UIP
"A policía mantivo unha actitude represiva en todo momento", explica en conversa con Sermos Galiza un dos estudantes e membro de ARDE. "Decidiu reternos, rodearon os estudantes e impedíannos mesmo marchar se era en pequenos grupos", asegura. Boa parte do alumnado foi identificado.
"A policía mantivo unha actitude represiva en todo momento", denuncian desde ARDEAs razóns que argüíu a policía para proceder baseábanse en "evitar altercados como os acontecidos o pasado ano" mais desde ARDE aseguran que o acontecido no curso anterior "foi que un par de estudantes tiraron ao chan uns contenedores" mais, acrecenta, "non pasou de aí". De todas maneiras, explican, "iso non xustifica un despregamento así" que contou con 7 furgóns policiais "mobilizados desde outras zonas", di.
"Foi unha operación para calar as voces disidentes", sinalan e "houbo estudantes que se sentiron intimidados polos cacheos e as identificacións", se ben o que se viviu durante esas horas foi "unha confusión xeralizada" polo que acontecía.
Perante a imposibilidade de iniciaren a manifestación ou marchar, o director do IES Pedro Floriani "ofreceuse para falar coa policía e conseguiu que os máis novos puidesen marchar" e que @s demais estudantes puidesen entrar no centro.
"Foi unha operación para calar as voces disidentes"Desde ARDE coidan que con accións policiais coma esta "o Estado español está a sacar a carauta e amósase, aos poucos pero cada vez máis, como defensor dunha pequena minoría".
Neste senso, avanzan que respostarán "de maneira pacífica mais contundente", ao que tildan como "un acto infame" contra o estudantado redondelán. Até o momento as mostras de solidariedade fóronlles chegando dunha ou doutra maneira.
Mostras de apoio e solidariedade
Desde a localidade, o Bloque Nacionalista Galego emitiu un comunicado público no seu apoio no que consideran "impropio dun denominado sistema democrático, a prohibición da saída da manifestación" impedindo, din, "a libre expresión do rexeitamento á LOMCE" como "en tempos pretéritos". Para a organización frontista, o despregamento policial reflicte "a prepotencia coa que actúa o PP en todos os seus escalafóns" para "disuadir a resposta social na rúa".
Aliás, outras organizacións como Anova-IN empregaron as redes sociais para se solidarizaren co estudantado redondelán, xunto con organizacións estudantís e xuvenís.