Máis de sesenta mozos e mozas estudantes de Educación trasladáronse en tren á Casa de Rosalía para remitirlle unha carta ao presidente da Xunta. “Coidamos que a lingua galega non goza de boa saúde”, é o seu título.
Os prexuízos seguen a existir, a mocidade continúa a atopar atrancos para se comunicar en galego, mudan de lingua máis temen o seu futuro e piden aos distintos poderes que activen medidas para a promoción da nosa lingua. Eis as ideas centrais da carta que foi enviada desde Padrón por un grupo de máis de sesenta mozos e mozas da Universidade de Santiago.
Colleron o tren en Compostela e dirixíronse á Casa de Rosalía. Levaban un texto elaborado colectivamente que sería protagonista do seu acto formal. Na casa da Matanza leron e asinaron cada un a carta que será dirixida aos máis altos cargos de distintos poderes galegos, desde o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, ao reitor da Universidade, pasando polo Conselleiro de Educación, a presidenta do Parlamento, os presidentes do Consello da Cultura e a Real Academia Galega o ou os voceiros dos grupos parlamentares. O alumnado da materia “Educación e Sociedade en Galicia?” impartía polo profesor Antón Costa, constatan que a lingua galega non goza de boa saúde e reclaman medidas para mudar a situación.
Prexuizos e atrancos
“Nas nosas vidas non apreciamos que se estean a emprender medidas adecuadas e favorables á causa do galego. É o que queremos dicir e que esta mensaxe preocupada chegue a Vostedes, que probablemente teñen algunhas, aínda que diversas, responsabilidades políticas e institucionais a este respecto”, din na súa carta “Coidamos que a lingua galega non goza de boa saúde”, un documento que elaboraron entre todos e todas nunha xornada inesquecíbel nas que sentiron estar dando un paso adiante pola lingua.
A carta foi elaborada en resposta a dúas preguntas, “Hai problemas arredor da lingua galega?; se os houbera, como os aprecias desde a túa vida?”. Da contestación maioritaria queda constancia na misiva: “Coidamos que non goza de boa saúde, en particular entre a xente moza, que somos parte ben notable do futuro de Galicia”, afirman, ao mostrar tamén a preocupación polo presente e o futuro do galego ao tempo que constatan a existencia aínda de prexuízos e desprezo cara quen fala galego.
“Entre a xente máis nova da que formamos parte, estase levando a cabo un proceso de substitución do galego polo castelán. O que se está facer en por da lingua galega, ou non é abondo ou non está ben enfocado, pois parece non resultar eficaz. É o que constatamos na nosa vida diaria”, escriben estes sesenta mozos e mozas no documento aprobado na Casa de Rosalía, lugar simbólico ao que se dirixiron para formalizar a súa carta.
Afirman que existen actitudes de “atranco e de rexeitamento” con respecto á lingua e mesmo chegan a dicir que, dada esa presión, con frecuencia “ceden” e pasan a falar en castelán “por medo ao que dirán”. Malia iso, a mocidade atopa valores abondo, a herdanza das xeracións pasadas, a lingua de quen loitou pola democracia ou fonte de saberes é polo que non queren “que o galego se perda”,o contrario, segundo din, do que está a acontecer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario