A amputación que afecta ao sistema público de
ensino en Galicia avanza neste comezo de curso 2014/2015. Unha nova
intervención cirúrxica levada a cabo dende a Consellería de Educación
que perxudica fundamentalmente ao alumnado e as familias do ensino
público.
A situación extrema e mediática vivida no IES Vilar
Ponte debe ser considerada como o que é: a punto do icerberg dun masivo
recorte de profesorado en todos os centros públicos galegos, que se ve
agravado ademais pola practicamente nula taxa de reposición de docentes.
Na provincia de Ourense hai casos graves, como o
que se vive no CEIP Padrenda/Crespos e no CEIP Curros Enríquez de
Celanova, onde levan máis de 20 días sen especialista de Audición e
Linguaxe, que comparten entre os dous centros. No caso do CEIP Curros
Enríquez, agrándase o problema xa que no día de hoxe, 22 de outubro,
tamén causa baixa o outro especialista de AL. Tamén no CEIP
Padrenda/Crespos teñen os seus problemas, pois hai que atender alumnado
con TEA (Transtorno do Espectro Autista) e Síndrome de Down sen a
especialista que debería estar traballando con eles durante 2 días á
semana. Un traballo ao que habería que sumar o do alumnado con
trastornos da articulación e do ritmo que, evidentemente, tamén deben
ser tratados por especialistas en Audición e Linguaxe.
Débese ter en conta que o alumnado con trastornos
na linguaxe debe ser tratado o máis rápidamente posible, xa que as
probabilidades de mellora minguan canto maior é a idade do alumnado. E
eses tratamentos deben ser implementados por persoas experimentadas, das
que na actualidade, por decisión irresponsable da Consellería, carecen
en calquera dos dous centros educativos.
En definitiva, STEG demanda da Consellería unha
rápida solución á falta de docentes da especialidade de Audición e
Linguaxe que atendan a todo alumnado que así o necesite. E, ademais,
reclama que teña a previsión suficiente como para convocar as prazas
necesarias de todas as especialidades, incluídas as de Audición e
Linguaxe, nunha oferta de emprego público que dea resposta real ás
necesidades que teñen hoxe en día os centros educativos de todo o país.
Secretariado Nacional do STEG
22 de outubro de 2014
22 de outubro de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario