O proxecto europeo
ICT-Go-Girls, liderado pola
Universidade de Santiago e o Centro de Supercomputación de Galicia
(CESGA), vai
presentar esta semana os seus resultados perante a comunidade
internacional nunha cita en Amberes con conexións a todos os
recantos do mundo. Como lembraremos, trátase dunha iniciativa
comandada en parte polo Grupo de Investigación de Tecnoloxía
Educativa do departamento de Didáctica e Organización Escolar da
USC, baixo a coordinación do CESGA, dirixida a fortalecer os
recursos (coñecemento, servizos, valores, asesoramento) dos que
dispoñen as mozas europeas para estar na primeira liña do sector
TIC. De feito, a razón de ser deste proxecto europeo é equilibrar a
balanza de xénero no sector das novas tecnoloxías, comezando polo
eido educativo. Ou sexa, rematar coa fenda profesional entre sexos.
Os responsábeis do
programa difundirán os seus resultados o vindeiro día 15 en
Amberes, Bélxica, nunha sesión aberta e de balde que poderá
seguirse en liña.
Grazas a isto, informa a USC, as persoas interesadas na cuestión
mulleres-TIC terán a oportunidade de asistir ás diversas
conferencias encamiñadas a afondar na fenda de xénero existente no
sector tecnolóxico-dixital en Europa e as súas posibilidades
laborais, o emprendemento con TIC como un ámbito estratéxico para a
Unión Europea e as diferentes iniciativas europeas entre as que se
atopa o proxecto ICT-Go-Girls!
A USC engade tamén que
ese día desenvolveranse diversas sesións con estratexias prácticas,
actividades educativas e ferramentas de utilidade para promover o
espírito emprendedor con TIC das alumnas de secundaria.
Como lembraremos, o
proxecto ICT-Go-Girls
vai dirixido a rapazas de Secundaria do ámbito europeo e inclúe,
entre outras moitas cousas, metodoloxías de aprendizaxe e probas
para mellorar as habilidades emprendedoras das mozas a través das
canles e as ferramentas 2.0.
A aplicación práctica está a
correr a cargo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), á
que cómpre engadir as seguintes institucións: Die Berater
(Austria), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), Instituto Fraunhoffer
IAO-Stuttgart Uni (Alemaña), CVO Antwerpen-Zuid (Bélxica) e
Donau-Universitat Krems (Austria).
“O proxecto”,
explicaban fontes do CESGA en novembro de 2012 e coincidindo coa súa
presentación, “constrúese arredor de
recursos e ferramentas de código aberto en acceso libre, como as
destinadas á creación de cartafoles virtuais,
simuladores de xogos, actividades educativas e de lecer virtuais,
deseño dixital, creación de redes sociais entre as rapazas
participantes, desenvolvemento de contornas
en 3D, escaparates virtuais de compañías, concursos e xogos entre
os centros de ensino participantes, entre outros puntos”.
As
actividades que se celebran tamén facilitan o contacto con mulleres
de negocio falando de cadanseu caso de éxito, accións de
asesoramento levadas a cabo por mentoras e até unha comunidade 2.0
para dar cabida ao fluxo e intercambio de experiencias no camiño da
innovación feminina.
Ningún comentario:
Publicar un comentario