- A Mesa manterá esta segunda feira (6 de outubro) unha entrevista co Comité de expertos do Consello de Europa para a avaliación da Carta europea das linguas
 onde trasladará os incumprimentos reiterados en ámbitos como o ensino, a
 xustiza, a administración, as relacións económicas ou servizos 
culturais.
 
- Marcos Maceira:
 “É importante pór en evidencia que o Estado español e a Xunta de Galiza
 incumpren sistematicamente os tratados internacionais en materia 
lingüística”.
Unha
 delegación da Mesa composta polo seu presidente, Marcos Maceira, e o 
responsábel da Liña do Galego, Paulo Filgueiras,  manterá unha reunión a
 vindeira segunda feira, 6 de outubro, en Santiago de Compostela co 
Comité de Expertos do Consello de Europa para a avaliación do 
cumprimento por parte do Estado Español da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, ratificada no BOE en 2001.
A visita do Comité de 
expertos enmárcanse nos traballos do cuarto período de avaliación ao que
 se somete o Estado en relación co cumprimento dos compromisos asinados 
na Carta, que examina os anos de 2010 a 2013. Nesta visita os 
avaliadores desprázanse aos diferentes territorios lingüísticos para 
contrastar de primeira man a información fornecida polo Estado. Tras 
estes traballos o Comité realizará un informe  que trasladará para a súa
 aprobación polo Consello de Ministros do Consello de Europa, avaliando o
 nivel de cumprimento e apuntando os aspectos que os Estados deben 
corrixir. En anteriores informes o Comité de expertos alertou sobre os 
incumprimentos da Carta Europea en relación ao galego en diferentes 
ámbitos, nomeadamente no do ensino onde sinalaba “que debe ofertarse 
unha educación predominantemente en galego ”, no ámbito da xustiza ou no
 da administración pública.
A Mesa exporá ao 
Comité os incumprimentos continuados da Carta por parte do Estado e da 
Xunta, así como o caso omiso feito por estes gobernos ás indicacións 
realizadas nos anteriores informes. Con este cometido, A Mesa está a 
elaborar un informe, que fará público tras llo presentar ao Comité de 
expertos, no que analiza os principais incumprimentos deste tratado 
internacional no que se refire á lingua galega e as medidas que 
empeoraron o nivel de cumprimento da Carta con respecto ao anterior 
período de avaliación.
Para o Presidente da 
Mesa “é importante pór en evidencia que o Estado Español e a Xunta de 
Galiza incumpren sistematicamente tratados internacionais como a Carta 
Europea en materia lingüística, e fan ouvidos xordos ás indicación que 
tras cada período de avaliación lle fai o Consello de Ministros do 
Consello de Europa para solventar os ditos incumprimentos”. Segundo 
sinalou Marcos  Maceira, “o desprezo do Estado e da Xunta polas linguas 
diferentes da española, en particular á galega, está nos máis altos 
niveis da historia autonómica, malia estaren comprometidos por tratados 
europeos como a Carta Europea das Linguas, que xuridicamente forma parte
 do corpo constitucional do Estado”.
A respecto das 
reunións con outros organismos e institucións que manterá o Comité de 
expertos, A Mesa mostrou a súa preocupación pola ausencia neste encontro
 de outras entidades sociais cun importante traballo a favor da lingua 
galega en determinados sectores, que participaron en edicións anteriores
 e que desta volta non foron convocados, e que poderían contribuír a dar
 unha visión máis ampla e diversa da situación da lingua.
A Mesa aproveitará a 
reunión co Comité de expertos para lles expresar o seu malestar e 
preocupación pola ausencia nestas reunións con organizacións para 
avaliar o cumprimento da Carta de outras entidades sociais cun 
importante traballo a favor da lingua galega en determinados sectores, 
que participaron en edicións anteriores e que desta volta non foron 
convocados, e cuxo traballo e experiencia podería contribuír a dar unha 
visión máis ampla e diversa da situación da lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario