Hai só uns días, o IGE publicou unha nova entrega da Enquisa conxuntural a fogares, que amosaba que seis de cada dez familias galegas continúan recoñecendo dificultades para chegar a final de mes, e que a porcentaxe de fogares con moitas dificultades se incrementara en cinco puntos. "Os datos do IGE eran moi coherentes coa percepción que temos: os que peor están, están aínda peor" -comenta Xosé Cuns- "A porcentaxe de persoas con moitas dificultades para chegar a final de mes aumentou moito no último trimestre. A recuperación económica, de existir, dende logo non chegou para as 653 mil persoas que en Galicia están en risco de pobreza ou exclusión social".
"A recuperación económica, de existir, dende logo non chegou para as 653 mil persoas que en Galicia están en risco de pobreza ou exclusión social"A análise da efectividade da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), das dificultades para o seu cobro ou dos atrasos que se están rexistrando na súa concesión centrarán parte das sesións. O venres pola tarde presentaranse os resultados dunha investigación levada a cabo por EAPN Galicia coa participación de 74 profesionais. "Puxémonos en contacto coas persoas que traballan nos servizos sociais para ter unha visión máis exacta da situación", explica Cuns, que salienta que "o informe ten un enfoque moi construtivo; ademais de recoller estas dúbidas e demandas, inclúe unha lista moi ampla de propostas e iniciativas de solución para que esta lei sexa realmente efectiva. Hoxe non o está sendo".
"Recoñecemos que en Galicia a situación é mellor que as traxedias que se rexistran en Castela-A Mancha, Murcia, Valencia... A amplitude dos servizos sociais é mellor en Galicia, pero iso non é suficiente. En Galicia está a empeorar a situación das persoas en exclusión, e a capacidade dos servizos sociais para dar resposta a isto está diminuíndo", sinala o director de EAPN-Galicia, que explica que "entre o 2008 e o 2012 Galicia foi a terceira comunidade autónoma cun menor número de novos beneficiarios destas axudas". Engade que "malia que é certo que no 2013 houbo un incremento importante no orzamento da RISGA, esta renda está aínda moi lonxe de poder cubrir as necesidades dos que están peor".
Xosé Cuns destaca que dende a Rede Galega de Loita contra a Pobreza "valoramos moi positivamente a Lei de Inclusión, que se aprobou hai uns meses, entre outras cousas porque recoñece -a diferenza do que sucede noutras comunidades autónomas- que nestas situacións de exclusión non só teñen que intervir os servizos sociais, senón que isto é un continuo: os servizos sociais atenden a súa situación persoal e familiar, pero despois ten que haber unha relación moi estreita cos servizos de emprego e cos servizos de formación para o emprego". "Os principios da lei son moi positivos" -continúa- "O que nos preocupa é que aínda non se publicou o regulamento, que debería ter sido publicado antes de xullo, nos seis primeiros meses de aplicación da lei". "Hai moitas dúbidas e é un clamor a necesidade de formación e de información que teñen os servizos sociais comunitarios e as nosas organizacións, as persoas que directamente traballan sobre esta realidade", salienta.
Comunicación
A cuarta edición deste foro emprestará unha atención destacada á comunicación, un apartado no que e a experimentada xornalista de Televisión Española Rosa María Calaf pronunciará unha conferencia titulada Comunicación decente contra a desigualdade e a pobreza. Intervirá tamén Clara de Sáa (Radio Galega) e presentarase a Guía de estilo: Pobreza, vulnerabilidade e voluntariado, destinada a profesionais da información."Temos que pensar como mostramos estas persoas, pero sobre todo como as mostramos na súa dignidade, que non son culpables da súa situación, non son culpables de ser pobres", explica"Como estamos comunicando?", pregúntase Xosé Cuns. "Non só é importante que se vexa a situación na que vive unha cuarta parte da poboación galega, senón que tamén debemos considerar como mostramos que a razón pola que estas persoas están en situación de pobreza e exclusión non é unha fatalidade. Temos que pensar como mostramos estas persoas, pero sobre todo como as mostramos na súa dignidade, que non son culpables da súa situación, non son culpables de ser pobres", explica. "E temos que comunicar tamén que a solución non pasa por darlles esmolas ou axudas puntuais. Que son persoas que coma calquera outra teñen dereitos e que polo tanto hai que fuxir de solucións asistencialistas", engade.
Transparencia e participación vs. corrupción
Outro dos asuntos que nucleará os contidos do foro é a importancia da participación cidadá fronte á corrupción. Entre as conferencias programadas destaca a de Cristina Moreno Alborán, da Fundación Civio, unha plataforma dedicada a rescatar desde o xornalismo de datos, feitos e cifras relevantes para a cidadanía, desde o destino dos impostos ás contradicións dos representantes políticos ou as relacións entre os máis poderosos."Mentres non se persiga aos ladróns é moi difícil loitar contra a pobreza. A corrupción contribúe ao incremento brutal da desigualdade que estamos a vivir nos últimos cinco anos""A corrupción preocúpanos moito nas entidades que loitamos contra a pobreza, porque impide o noso traballo", destaca Xosé Cuns. "Mentres non se persiga aos ladróns é moi difícil loitar contra a pobreza. A corrupción contribúe ao incremento brutal da desigualdade que estamos a vivir nos últimos cinco anos: somos o segundo país da UE, detrás de Letonia, no índice de desigualdade", engade. "Por ese motivo dámoslle unha importancia moi grande á transparencia" -comenta- "Por suposto, no relativo ás administracións públicas, algo que é imprescindible e -como demostran os traballos de Civio- moi doado de conseguir coas actuais ferramentas dixitais". "Pero a transparencia é unha tarefa que tamén nos toca a nós, ás organizacións sociais", destaca. "As ONG temos que avanzar neste eido: en que se gastan os cartos, de que xeito, cales son os soldos, cales son os balances económicos das entidades. Dar exemplo para despois esixirlles ás administracións públicas que tamén o cumpran".
"As ONG temos que avanzar en transparencia. Dar exemplo para despois esixirlles ás administracións públicas que tamén o cumpran"No Foro tamén se pedirá transparencia na xestión dos fondos estruturais da Unión Europea, dos que proveñen boa parte dos cartos empregados pola administración e as ONGs que loitan contra a desigualdade. "Cremos que a planificación non foi todo o transparente que debera ser, pero agora estamos pelexando para que as entidades sociais galegas estean presentes no seguimento dos fondos estruturais correspondentes a 2014 e 2015, dos máis de 300 millóns de euros que veñen", explica. "A propia lexislación europea recoñece que temos dereito a participar na xestión e no control dos fondos. E estanos custando moito que esta transparencia sexa efectiva. Pero a transparencia é imprescindible neste caso", destaca.
11 iniciativas na Ágora
O Foro complétase cunha sesión, denominada Ágora, na que 11 entidades sociais amosarán outras tantas iniciativas e proxectos que buscan loitar contra a pobreza e a exclusiónO Foro complétase cunha sesión, denominada Ágora, na que 11 entidades sociais amosarán outras tantas iniciativas e proxectos que buscan loitar contra a pobreza e a exclusión. Xosé Cuns enmarca esta sesión na pretensión de EAPN-Galicia de presentar solucións e propostas alternativas aos problemas existentes. "O obxectivo destes foros sempre é múltiple: denunciamos, damos información e buscamos ofrecer alternativas", afirma.
- Agasol: Achegando as novas Tecnoloxías e a ética
- Amarante Setem: MOV3. Galicia Viste Consciente
- Cogami: Novas fontes de financiamiento para reducir a dependencia das subvencións públicas
- Ecos do Sur: Agra Civis ¡Tomando las riendas de nuestra ciudadanía!
- Federación Autismo Galicia: "Comprendo e decido, derribando barreiras de comunciación para un mundo ao alcance de todos”
- Fundación Juan Soñador: Participación Cidadá. Cidade Educadora
- Fundación Secretariado Gitano: "Asómate a tus sueños a través de una experiencia de Mentoring"
- Grupo Emaús Fundación Social: INclúe. Innovación para a inclusión social
- IGAXES: Proxecto de medición de impacto da intervención con mozos e mozas en risco
- Reseteando: Reseteando - Innovación social e comunicación
- Adicae: Rede de axentes de consumo para a mellora de colectivos especialmente desprotexidos e dos consumidores de maior idade
Ningún comentario:
Publicar un comentario