O que lles conto aconteceu non hai aínda moito tempo na parroquia de San Facundo do Concello de Paradela (Lugo). Para facer unha rehabilitación dos exterior dunha igrexa románica exhumaron os restos mortais soterrados no adro e trasladáronos a un novo cemiterio construido noutro lugar. A comisións parroquial decidíu algo que deica hoxe era insólito: puxeron nos respectivos nichos cadansúa lápida cunha inscrición en lingua galega. Este feito non foi comentado en ningún medio de comunicación. Eu quero renderlle a esa comunidade parroquial o merecido recoñecemento por ter restaurado a memoria lingüística da parroquia.
Este relato conteillelo aos alcaldes e alcaldesas ourensás que o pasado
día 23 de outubro foron convocados pola Asociación de Funcionarios para
a Normalización Lingüística de Galicia en Ourense, para conmemorarmos o
Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Unha efeméride
que tenta chamar a atención das institucións e dos cidadáns para
visibilizar unha contradición que debemos superar: mentres as parroquias
dos vivos se expresan maioritariamente en galego, unha vez que
atravesan o portalón do cemiterio para dormiren o sono eterno, son
lembrados no idioma que nunca falaron, o castelán.
Os rexedores municipais asinaron un documento que recolle estes
fundamentos e algunhas medidas prácticas: colocar na porta dos
cemiterios unha placa que diga “na memoria de todos os que aquí xacen
porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu” e, a
posibilidade de substituír unha lápida en castelán por outra en galego
dalguén que fose unha persoa senlleira na parroquia (gaiteiro, canteiro,
mestre…).
Os alcaldes teñen agora a posibilidade de celebraren un Día de Defuntos
distinto, participativo e con significado cultural organizando actos
nos cemiterios, municipais ou parroquiais, no que a música, a poesía e
as sentidas intervencións de mozos e vellos sexan un canto á esperanza
en aras da galeguización deses espazos nos que está depositada a memoria
lingüística de homes e mulleres anónimos que deixaron unha forte
pegada na vida transmitíndolles aos seus a nosa cultura. Eles foron os
creadores da nosa identidade, da nosa música popular e tradicións que
nos transmitiron a través do relato oral. Un pasado que debe ter futuro.
O próximo día 1 de novembro, Día de Defuntos, que tanta tradición ten
na nosa cultura popular, volveranse encher os camposantos de xentes que
acudirán con flores a lembrar a memoria dos seus defuntos. Reviviranse
anécdotas, ensinanzas e o bo facer dos nosos devanceiros que nos legaron
un patrimonio cultural e lingüístico que hoxe nos define como pobo.
A mellor homenaxe que se lles pode facer sería restituír a verdade da
súa existencia substituíndo a lápida en castelán por outra en galego na
que se enxalcen as súas virtudes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario