Hai
catro anos que a Unión de Editoriais Universitarias Españolas
propoñía unha idea para a comercialización de libros
electrónicos das institucións integrantes en calquera parte do
globo terrestre. Estamos a referírmonos a Unebook:
unha plataforma dixital para comercializar os libros en todos os
formatos, papel, electrónico e impresión baixo demanda. Cómpre
dicir que esta iniciativa está impulsada pola dita Unión e e polas
66 editoriais científicas que integran a asociación e achegará
ademais obras de editoriais universitarias iberoamericanas para a súa
distribución en Europa. Amais
da USC, o Servizo
de Publicacións da Universidade de Vigo participa neste novo portal,
achegando os títulos do seu catálogo, que abrangue máis de 300
libros publicados, principalmente en papel, aínda que cun crecemento
a salientar nos últimos do libro dixital.
Que podemos
atopar en Unebook? Os usuarios poderán ter libros científicos, de
divulgación, traducións, ensaios, edicións críticas, obras de
referencia, revistas científicas, actas de congresos, teses de
doutoramento ou libros de creación literaria. Asemade, Unebook
incluirá na plataforma títulos publicados polas universidades
españolas tanto en galego coma en catalán e euskera, así como nas
outras linguas europeas.
Agora, coa
ampliación de formatos, a expansión a universidades iberoamericanas
e un catálogo inicial de 65.000 publicacións, trátase de
posicionar Unebook como portal de referencia do libro universitario
en español.
Será mañá
en Barcelona, xoves 2 de outubro, o día da presentación perante os
medios de Unebook, unha plataforma única tanto pola especialización
como pola versatilidade a independencia, xa que é unha ferramenta de
venda en liña exclusiva do libro universitario en español, está
construída e xestionada de maneira autónoma e presenta unha oferta
de compra mixta ofrecendo tanto formato dixital coma tradicional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario