luns, 6 de outubro de 2014

Seis de cada dez familias seguen chegando "con dificultades" a final de mes

Estamos saíndo da crise? Algúns pode que si, ou pode que algunhas grandes cifras sexan menos negativas do que eran hai un ou dous anos, pero no día a día e no groso da poboación esta recuperación non se percibe. A Enquisa conxuntural a fogares do Instituto Galego de Estatística vén de publicar os datos relativos ao terceiro trimestre, que amosan que seis de cada dez familias galegas continúa recoñecendo dificultades para final de mes. O 46,24% afirma chegar "con dificultades", e outro 11,94% con "moitas dificultades". En total, un 58,18% de fogares con maiores ou menores problemas para vivir o día a día, cifras moi semellantes ás do segundo trimestre (59,4%) ou ás de hai un ano (57,55%). O dato máis negativo é o dos fogares "con moitas dificultades", que pasan do 7,29% ao 11,94%. Unha costatación de que a crise segue aquí.
O dato máis negativo é o dos fogares "con moitas dificultades", que pasan do 7,29% ao 11,94%
Analizando os datos polo miúdo, advírtense diferenzas en función do tipo de familia. Mentres que só o 50,37% das parellas sen fillos recoñece problemas económicos, esta porcentaxe elévase até o 58,14% no caso das parellas con fillos, o 62,82% no caso das persoas que viven soas e até un 73,39% nas familias monoparentais, case sempre cunha muller á fronte.
Hai algúns indicadores que amosan unha leve recuperación xeral. De feito, as porcentaxes máis elevadas de "fogares con moitas dificultades" déronse nos últimos meses de 2012 e nos primeiros de 2013, con valores por riba do 17%. Nesas datas, ademais a suma das familias en dificultades (algunha ou moitas) superaba o 63%, cinco puntos máis ca na actualidade. Tamén se viu reducindo a porcentaxe de "fogares que non se permitiron ningún extra nos últimos tres meses", que cun 24,86%, cae ao seu nivel máis baixo en catro anos. En 2010 chegou mesmo ao 40%.
Case tres de cada tres familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampa
De igual xeito, reduciuse o número de familias que adoptaron medidas para recortar gastos. Por exemplo, aqueles que nos últimos meses cambiaron os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta, son o 28,13% cando hai un ano superaban o trinta por cento e en 2010 chegaron ao corenta por cento do total. En termos semellantes evolucionou a porcentaxe de familias que recortaron gastos e roupa ou transporte, tamén por debaixo do trinta por cento (28,70%). Porén, a realidade é que case tres de cada tres familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampa.
Podemos complementar os datos do IGE cos publicados este pasado mes de xuño polo INE na súa Enquisa de Condicións de Vida, que indicaba que o 72,3% dos galegos e galegas recoñecían dificultades para chegar a fin de mes, unha porcentaxe que superaba en cinco puntos á media española (67%) e situaba Galicia entre as comunidades autónomas máis golpeadas pola crise. A evolución era especialmente negativa para aquelas persoas que dicían chegar con "moitas dificultades" a final de mes. Neste caso a porcentaxe incrementárase dende o 9% previo á crise (en 2007), até o 13% do 2012 ou o 17,1% de 2013. Cómpre salientar que as diferenzas entre a porcentaxe de galegos en dificultades ofrecida polo INE (72,3%) e os fogares con problemas económicos do IGE (58,18%) hai que buscalas sobre todo na inclusión por parte do INE dunha categoría de "certas dificultades", na que se cadra se inclúen moitas persoas que non o fan na opción de "con dificultades" do IGE.

Dificultade para chegar a fin de mes:

Ningún comentario:

Publicar un comentario