luns, 20 de outubro de 2014

A CIG–Ensino denuncia novos recortes no ensino público

Esta vez os recortes son no IES Poeta Añón da Serra de Outes.

A CIG-Ensino quere mostrar o seu apoio ao IES Poeta Añón da Serra de Outes que veu reducido este curso o número de docentes coa desculpa de estaren os titulares en comisión de servizos.
A falta de cadros de persoal mínimos nos centros de secundaria fai que o sistema de cupos que utiliza a Administración para dotalos de persoal  supoña que a Consellaría procure cada curso recortar o cupo con respecto ao curso anterior tal como vimos denunciando recorrentemente desde a CIG-Ensino. Neste caso o centro conta con un cadro de persoal de 25 docentes con destino definitivo no centro . Dúas destas prazas   corresponden a un mestre de matemáticas en comisión de servizos por servizos especiais e outra a unha PES de EF en comisión de servizos na Secretaría Xeral para o Deporte. Para sorpresa do centro, este curso ven recortadas estas dúas prazas de maneira inicial  e logo das reclamacións do Centro, recórtanselle finalmente unha. A CIG-Ensino entende que A  Consellaría está aproveitando as comisións de servizo para aforrar persoal nos Centros o que redunda claramente na discriminación daqueles que teñen persoal nesta situación. No IES POETA AÑÓN, de estar estes dous docentes no centro non sufrirían este recorte.

Se ben é certo que os recortes de docentes no ensino público están sendo constantes en todo tipo de Centros, tamén o é que aqueles  que son máis pequenos e de ámbito rural  vense dobremente prexudicados. Así é que, por exemplo, a oferta de optativas coa que poden contar acaba sendo raquítica alén doutros aspectos como participar en determinados programas formativos ou dotarse de lectores para linguas estranxeiras. Afóndase desta maneira na existencia de centros mellor ou peor dotados seguindo a liña discriminatoria marcada desde a LOMCE 
A CIG-Ensino denuncia esta situación e esíxelle á Consellaría que solucione o problema do IES POETA AÑÓN. Tamén apoia a loita levada a cabo polo profesorado do centro e da dirección  na procura da mellora das condicións laborais e educativas do IES.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario