Diante do incumprimento do Plan de Normalización Lingüística por parte da Xunta, o BNG presentará unha iniciativa para darlle rango de lei.
Que o articulado do Plan de Normalización Lingüística se converta en lei incrementaría a obrigatoriedade do seu cumprimento e mesmo poderían ser denunciábel as políticas contrarias ao establecido no seu texto. Ese é o obxectivo do BNG que presentará no Parlamento nos vindeiros días unha proposición de lei encamiñada a darlle un xiro á política lingüística do goberno da Xunta e aos incumprimentos reiterados do Plan.O “desamparo e falta de dereitos reais da nosa lingua” require, segundo a deputada nacionalista Ana Pontón, unha dotación moi superior. A esta vontade responderá a iniciativa que levarán a debate parlamentar co fin de “rematar coa burla” do incumprimento do plan, aprobado por unanimidade hai dez anos mais que dista moito de ser aplicado, ao dicir da organización nacionalista.
A deputada Ana Pontón anunciaba esta nova iniciativa ao tempo que participaba na protesta que a Plataforma “Queremos Galego” organizou coincidindo co acto de conmemoración oficial do décimo aniversario da aprobación do Plan de Normalización da Lingua galega. O BNG ausentouse do acto xa que, segundo defendeu, trátase dun “insulto” dun Goberno que está dando pasos atrás no proceso de normalización lingüística e traballa na contra do que recolle o propio plan. Lembrou unha nova redución das partidas de normalización lingüística, que quedan por baixo dos orzamentos destinados a asesores do Presidente. “6.3 millóns de euros en asesores fronte a 6,7 para normalizar a lingua galega”, dixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario