"É a primeira ocasión en que medran as contas da Administracón autonómica dende o ano 2009".
É unha das ideas forza que a Xunta vén reiterando a respecto dos
Orzamentos Xerais para 2015, que este luns comezaron a súa tramitación
coa entrega do proxecto á presidenta do Parlamento por parte da
conselleira de Facenda, Elena Muñoz. Durante os últimos anos o gabinete
que dirixe Alberto Núñez Feijóo insistiu en que os recursos da
Administración autonómica retrocederan, aproximadamente, a niveis do ano
2006, pero agora, por fin, inician a senda dun moderado crecemento. Se
ben estas afirmacións son certas ao referirse ao conxunto do orzamento
non é posible aplicalas a un dos ámbitos que o actual Goberno máis
someteu aos recortes: a lingua e a cultura galegas, que nestes anos
perderon, en conxunto, o 60% da súa dotación económica.
Nas contas públicas para o vindeiro ano estas partidas, ambas
dependentes da Consellería de Cultura e Educación, suman 64,4 millóns de
euros, dos que 57,7 corresponden a cultura e 6,7, á promoción da lingua
galega.
Fronte a múltiples partidas que en 2015 estarán un
chisco máis folgadas, ás culturais réstanlles algo máis dun 5%, case 4
millóns de euros, mentres que as lingüísticas deixan polo
camiño unha porcentaxe semellante que, traducida en diñeiro, supón algo
máis de 300.000 euros de rebaixa.
Os fondos de promoción da lingua caeron case un 70% dende 2009
O ámbito da promoción do idioma propio,
cuxo prognóstico en canto a número de falantes é notablemente máis pesimista que ao inicio do mandato de Feijóo,
é o máis prexudicado por estas tesoiradas en termos porcentuais, tanto
en comparación co período do Goberno bipartito como co Executivo de
Manuel Fraga.
Así, dende o retorno do PP a San Caetano os fondos
para a normalización do galego pasaron de 21,5 millóns de euros en 2009
aos devanditos 6,7, un desplome de case o 70% que deixa a
Secretaría Xeral de Política Lingüística nun nivel moi inferior ao do
gabinete Fraga, do que Feijóo era vicepresidente e que no seu derradeiro
orzamento dedicou 19,2 millóns a promocionar o galego.
Pola banda da cultura o panorama non é moito máis alentador, toda vez que o recorte destes anos supera o 59%,
pasando de 141,06 millóns de euros de hai seis anos aos 57,7 incluídos
no proxecto orzamentario de 2015. Como no caso da lingua o recorte
orzamentario comezou xa en 2010, se ben a gran rebaixa produciuse a
partir de 2012, cando as políticas culturais deixaron de ter Consellería
de seu. Naquel ano a desaparecida Consellería de Cultura e Turismo xa
pasara dos devanditos 141 millóns a 80,97. Un ano despois, xa fusionada
con Educación, Cultura quedou en 61,7 millóns. En 2014 a súa dotación
baixou menos dun 1% e no vindeiro ano perderá case 4 millóns.
Isto sucede nun contexto no que, a priori, a Consellería de Cultura
podería dispoñer de máis fondos que hai un ano, toda vez que a Cidade da
Cultura pasa de recibir 9,2 millóns de euros a algo menos de 7 millóns.
Onde non haberá recorte ningún será na Fundación Camilo José Cela, rescatada pola Xunta en 2012
por mor da mala xestión dos seus responsables, que a levaron á creba.
En 2015, igual que nos anos anteriores, recibirá 257.294 euros das arcas
públicas galegas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario