A fin de semana que vimos de deixar atrás
celebrouse en Santiago un
encontro de especial importancia para o futuro das linguas
co-oficiais do Estado, enténdase as linguas diferentes do
castelán e que sobre o papel (e con maiores ou menores diferenzas)
están a anos luz das facilidades que ten o castelán en materia de
protección, axudas e impulso. A priori, o encontro non
trataba de linguas a protexer, senón máis ben de software libre e
de tradución aos idiomas co-oficiais de programas abertos. Porén,
quedou claro que falar da localización de ferramentas informáticas
ao galego ou ao asturiano é tamén falar de métodos para conservar,
preservar e manter vivo o galego e o asturiano. O primeiro Encontro
Ibérico de Tradutores de Software Libre a Linguas Minorizadas
veu da man dos membros de Proxecto
Trasno e celebrouse no Centro de Novas Tecnoloxías de Compostela
os días 4 e 5 de outubro.
Por vez primeira na historia (e todo indica que non
será a derradeira), xuntáronse por vez primeira, baixo un mesmo
teito, todos os grupos de localización de ferramentas abertas ás
linguas minorizadas do Estado. Ou sexa, os colectivos
Librezale
(Euskal Herria), SoftCatalá
(Catalunya), SoftAstur
(Asturies) e SoftAragonés
(Aragón), amais do grupo Trasno pola nosa terra (grupo anfitrión).
As sesións xiraron arredor dos traballos que están
a impulsar dende estes grupos para a tradución de programas como
Mozilla - Firefox, LibreOffice, Apache OpenOffice e Debian GNU/Linux.
Houbo sesións e obradoiros dedicados a terminoloxía, programas e
recursos para a tradución, memorias de tradución e estrutura e
tecido organizativo.
Nas actividades estivo presente Miguel Anxo Bouzada,
coordinador do encontro e vicepresidente da Asociación Cultural
Proxecto Trasno, comunidade referente na nosa terra en materia de
adaptación ao galego de múltiples ferramentas de uso común.
Segundo
fixo saber Bouzada e reflicte en detalle Praza.com, en cuestións
de asistencia superáronse as expectativas postas no encontro, até
nunha porcentaxe do 10%. E co engadido de que acudiu xente acabada de
chegar ao mundo da programación aberta e a tradución. A xuntanza,
sinala Trasno, foi un acontecemento moi positivo non só para os
participantes directos senón para as persoas que en xeral desexan
seguir empregando ferramentas informáticas na lingua de seu, e co
engadido de seren libres, abertas e participativas. O ambiente xerado
no encontro, “onde cada quen empregou o seu idioma, sen conflitos e
sen precisar de ningunha lingua franca”, achanda o camiño para un
segundo evento de semellantes características. Alén de coincidir en
múltiples do seu traballo, os colectivos convocados tamén
coincidiron no económico: ningunha comunidade de tradutores de
software libre en ningunha lingua de España recibe compensación
económica pública por traducir. “En realidade”, engade Bouzada
na entrevista en Praza, “todos poñemos diñeiro, tempo, recursos
persoais a disposición”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario