martes, 7 de xullo de 2015

Lalín ofertará 80 prazas para a súa escola de verán con comedor para menores

O servizo prestarase durante a época estival no colexio Xesús Golmar -O prazo de reserva está aberto para nenos de entre 3 e 17 anos -Inclúe clases de apoio e numerosas actividades.

Escola de Verán con Comedor é o proxecto que levará a cabo polo Concello de Lalín esta época de vacacións para o alumnado e inclúe clases de apoio, actividades e servizo de manutención para 80 nenos. O departamento de Benestar Social, que dirixe Nicolás González Casares, acaba de abrir o prazo de reserva e tanto as solicitudes para o programa como para obter máis información é preciso presentarse no este servizo, no consistorio.
Casares explica que terán dereito ao servizo 80 escolares con idades comprendidas entre os 3 e os 17 anos. Deberán ser membros de familias con algún tipo de dificultade socioeducativa ou socioeconómica valorada polos técnicos municipais. No entanto, o concelleiro recalca que a Escola de Verán con Comedor está aberta a todos os menores do municipio, independentemente da súa condición. O modelo elixido polo grupo de goberno lalinense pretende evitar a posible estigmatización dos nenos beneficiados, así como contribuír, tamén, á conciliación da vida familiar e laboral.
A Escola de Verán prolongarase durante todo o período estival non lectivo e configúrase como un programa de educación non formal que busca a mellora das competencias básicas dos menores. Comprende actividades como a divulgación do coñecemento da contorna, o fomento da lectura, das matemáticas, talleres de escritura e unha ampla variedade de talleres temáticos. Ao finalizar a xornada matinal ofrecerase aos pequenos o servizo de comedor. As actividades da escola estival levarán a cabo entre as 9.00 e as 15.00 horas de luns a venres nas instalacións do colexio público Xesús Golmar. A iniciativa fora anunciada polo grupo de goberno días atrás como fórmula para, por unha banda organizar actividades para menores en plenas vacacións, e por outro, garantir a comida a aqueles menores de familias con dificultades económicas. A Consellería de Educación autorizou recentemente a apertura dos centros educativos como comedores sociais infantís para a época estival.
O ano pasado esta prestación foi garantida polo concello mediante un convenio de colaboración coas dúas residencias de maiores de Lalín, que elaboraban os menús. As comidas repartíanse logo a diario aos menores de familias desfavorecidas.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario