luns, 20 de xullo de 2015

A “Alba de Gloria” volve escoitarse no Pico Sacro

CONMEMÓRASE A PEREGRINAXE DE CASTELAO

Raiou o sol xusto cando no cumio do Pico Sacro, lugar máxico e espitual, puido escoitarse máis un ano a “Alba de Gloria” para conmemorar a peregrinaxe en que participou Castelao en 1925.

Pasaron nove décadas desde que Castelao participara na peregrinaxe ao Pico Sacro, cando por aquel entón a ditadura impedía celebrar a festa nacional. O maxín de Castelao volveu sobre o Pico Sacro desde o exilio, cando teceu unha das súas pezas máis profundas, a “Alba de Gloria”, o discurso de celebración do Día da Patria.
Desde 2011, a Federación Galiza Cultura, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, conmemora a peregrinaxe de Castelao ao Pico Sacro. Por aquel entón cumpríase o 125 aniversario de Castelao co “total desprezo por parte da Xunta de Galiza”.  A organización decidía entón homenaxear a “Alba de Gloria” nun ano caracterizado polo furibundo ataque do Goberno de Feijóo á lingua e á cultura galegas.
“Queremos renderlle unha homenaxe a Castelao e volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais coa lembranza dunha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura”, sinala a organización.
O izado da bandeira da Patria estivo acompañado da lectura da "Alba de Gloria" a cargo de representantes de asociacións culturais da Estrada, Vedra, Boqueixón, Santiago e Silleda
Contra ás 12h, o escritor, arqueólogo e etnógrafo Calros Solla deulles a benvida ás persoas asistentes cun discurso de afirmación da identidade galega como algo que resiste ao longo dos séculos. Xa no cumio, a néboa e a chuvia deron paso a unhas raiolas de sol para a lectura do “Alba de Gloria”, que correu a cargo de representantes das asociacións culturais da Estrada, Vedra, Boqueixón, Santiago e Silleda. A continuación, o gaiteiro Raúl Galego pechou o acto da mañá coa interpretación do Himno Nacional.
As persoas que asistiron ao acto, entre elas asociados e asociadas de entidades culturais da bisbarra, tiveron a oportunidade de coñecer de perto, a través de Yolanda Aldrey, as lendas que xurdiron ao redor do Pico Sacro, así como o seu valor arquitectónico, coa historias das construcións borradas co paso do tempo. Á chegada á capela, tivo lugar a actuación de Mini e Mero.
Tras o xantar colectivo, no que se atopan arestora as persoas participará, terá lugar un roteiro polos recunchos máis singulares da Ulla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario