Maceira, o presidente da Mesa, lembrou que no 15 X se situou o
acordo nos termos mínimos establecidos polo Plan xeral de normalización
da lingua galega (PXNLG), que os asinantes asumiron como punto de
partida. Así, as principais liñas da declaración son o recoñecemento da
lingua galega como grande obra colectiva do pobo galego e garantía de
futuro e de existencia digna e próspera. Recoñécese o preocupante
retroceso social da lingua nos últimos anos e a necesidade de abrir unha
nova etapa de normalidade, coa implicación de todos os sectores, e que é
necesaria unha nova política lingüística que garanta o dereito a vivir
en galego, e conseguir verdadeira igualdade e oficialidade real. Para
iso os asinantes asumiron o compromiso de retomar e iniciar todas as
medidas sinaladas no PXNLG para a reposición, rehabilitación e plena
normalidade, así como a reactivación e promoción en todas as áreas e
institucións.
O presidente da Mesa anunciou que de cara ao próximo trimestre a Mesa impulsará as seguintes iniciativas:
• Solicitar a todos os concellos e deputacións de Galicia que asuman
nos plenos de setembro a Declaración de unidade, corresponsabilizándose e
comprometéndose co que sinala.
• Implicar a todas as institucións
de Galicia e a todos os grupos políticos contando coas achegas das
entidades sociais de todo tipo.
• Establecer un calendario de común
acordo cos partidos asinantes para adoptar as medidas concretas ás que
fai mención a Declaración, comezando polas contempladas no PXNLG.
Neste sentido, Marcos Maceira sinalou que a Declaración foi un primeiro
paso para sentar as bases da nova política lingüística a partir do
establecido na Lei de normalización lingüística, no PXNLG e na
lexislación internacional. E manifestou que A Mesa como promotora deste
acordo asumirá a súa responsabilidade de contribuír a que a declaración
cristalice nunha nova política lingüística estable e duradeira, mais
tamén exixirá ao resto de asinantes que cumpran coa súa
responsabilidade.
Pode ampliar esta información en A Mesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario