xoves, 23 de xullo de 2015

A CIG-Ensino pide o cese do Xefe Territorial e do Xefe do Servizo de Inspección Educativa da Consellaría de Educación da provincia de A Coruña


POLA XESTIÓN "IRRESPONSÁBEL" DAS VACANTES
A CIG-Ensino vén de exixirlle á Consellaría de Educación que destitúa tanto o xefe Territorial como o xefe do Servizo de Inspección Educativa da Coruña pola xestión "irresponsábel" das vacantes obxecto de adxudicación dos destinos provisionais do próximo curso.

A CIG-Ensino urxe a Consellaría de Educación a destituír o xefe Territorial, pola súa "actuación irresponsábel" e o xefe do Servizo de Inspección Educativa, polo "desbaraxuste" co que procede en relación ás vacantes que van ser adxudicadas como destinos provisionais no vindeiro curso.
Sinala a CIG-Ensino nun comunicado que a día de hoxe aínda se descoñece a proposta real do profesorado do que disporán os centros de ensino o curso que entra. E isto, advirte o sindicato, de que a Consellaría asumira o compromiso de publicar as vacantes antes do 11 de xullo, tal e como contemplaba o DOG de 18 de xuño de 2015.
A CIG apunta que na reunión da Xunta de Persoal Docente Provincial en que se negociaron as vacantes debateuse un documento "ateigado de erros". A CIG alude a "centros que non aparecían" ou a "vacantes inexistentes.  A propia Administración recoñeceu que non resultaba operativo o encontro e convocou unha nova xuntanza para o día de hoxe, co fin de presentar unha listaxe de vacantes "reais". Porén, o novo documento remitido pola Inspección á CIG contén "novos erros", até o punto de non recoller centros que si se recollían no primeiro dos documentos.
A CIG propúxolles non negociar nada ao resto de organizacións, que aceptaron a iniciativa por unanimidade
Nesta situación, a CIG-Ensino comunicoulles ás demais organizacións sindicais a proposta de non negociar nada, proposta que foi aceptada por unanimidade. "Solicitada unha reunión de urxencia co xefe Territorial, este recoñece a situación e comunica a dimisión do propio xefe de Inspección, ao tempo que se compromete a resolver de inmdiato este tema", informa a central sindical nacionalista, que denuncia o "descontrol" do Servizo de Inspección Educativa da Coruña e exixe que se convoque de inmediato unha nova xuntanza para negociar os postos de traballo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario