venres, 10 de xullo de 2015

O CES alerta sobre as grandes desigualdades en Galicia e quéixase de que a Xunta non facilita datos de pobreza

No seu informe de 2014, o Centro Económico e Social constata a falta de dinamismo económico e detecta "inercia" demográfica galega.

O Consello Económico e Social (CES) presentou este xoves a memoria de 2014 sobre a situación de Galicia, na que detecta que, a pesar de que o ano pasado foi o primeiro de crecemento desde 2008, queda "un gran percorrido" por facer fronte a "grandes desequilibrios" sociais e pide medidas políticas para frear a desigualdade, á vez que avisa dunha "falta de dinamismo" na economía galega.

En rolda de prensa en Santiago, o coordinador deste anuario do CES, o profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Vázquez Vicente, avisou dun "déficit" de cobertura de asistencia social e na calidade de vida dos galegos que cre "necesítase" atallar.

Neste sentido, un dos datos sobre os que chamou a atención Xosé Henrique Vázquez Vicente para avaliar a estrutura económica da Comunidade é que "en máis do 30% das familias non existe ningún ingreso que proceda dun traballo".

Con todo, segundo expuxo Vázquez Vicente no informe deste ano foi "imposible" analizar a situación de pobreza e exclusión social en Galicia, posto que a Xunta non lle facilitou datos ao CES, a pesar de pedilos.

Preguntada por esta cuestión, a presidenta do CES de Galicia, Corina Porro, sinalou que "quen tiña que dar" ao organismo os datos era a Dirección Xeral de Familia e Benestar da Xunta, "que ten competencias", pero non o fixo. "Así como (a Dirección Xeral) colaborou hai pouco nunhas xornadas sobre pobreza e non se tivo ningún problema, á hora de acceder aos datos, simplemente non chegaron".

"Pedímolos en varias ocasións e non chegaron", censurou a presidenta do Consello Económico e Social, que é un organismo consultivo da Xunta de Galicia.

Así mesmo, Porro mandou "un tirón de orellas", posto que dixo "botar de menos máis colaboración" por parte das institucións, e cre que "teñen que tomarllo máis en serio". Ademais, reclama que este informe se utilice" e "non quede perdido en ningún caixón".

CAÍDA DO PESO DA INDUSTRIA E PREVISIÓNS DE RECUPERACIÓN

Así as cousas, neste anuario avísase das consecuencias da "falta de dinamismo" económico en Galicia, cunha taxa de creación de 15,5 empresas por cada 10.000 habitantes, por baixo da media española de 20,2.

No tocante a este punto, observa problemas na especialización produtiva da Comunidade galega para crear valor engadido. Aquí, chama a atención sobre como o sector industrial "está a perder peso de maneira significativa", o que incide tamén no sector servizos e o emprego, ao formar parte da cadea de valor asociada. De feito, apunta que se necesita "como auga no deserto" actuar neste campo.

A preguntas da prensa sobre se a recuperación asentarase en Galicia, Corina Porro defendeu que esta "non é un espellismo", pero avoga por que se debe traballar para que "chegue a todos os galegos".

PERDA DE CONVERXENCIA E "INERCIA" DEMOGRÁFICA

Así mesmo, aínda que se aprecia unha redución do paro en 2014, explícase que iso "non quere dicir que deixase de ser un problema". E é que segundo destaca Vázquez Vicente "tamén hai unha redución da poboación activa", así como da ocupada.

Esta cuestión identifícaa con que continúa a emigración e con que xente "se desanima" e deixa de estar rexistrada para buscar emprego. Unha problemática a do descenso da poboación activa que entroncan cunha evolución demográfica "absolutamente preocupante" en Galicia.

Por iso, o CES demanda que se actúe con políticas económicas e de conciliación familiar ante a "inercia" demográfica que padece a Comunidade galega.

Todo o cal está a levar a unha "perda de posicións" nas taxas de converxencia de Galicia respecto de España e á Unión Europea respecto dos anos anteriores á crise.

Xunto a isto, o CES ve necesario que se revisen os obxectivos e estratexias económicas, dado que considera "obsoletos" os actuais, para unha mellor planificación.

Un dos apartados nos que tamén se pon o foco é no da educación, co fin de "repensar" as políticas para paliar o fracaso escolar, á vez que se avoga por "atraer talento" investigador para as universidades galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario