mércores, 29 de xullo de 2015

Condenados 3 moz@s a 'localización permanente' por un mural a prol do ensino público

Marcos, Miguel e Ainhoa, militantes de Galiza Nova, cumpren os 4 días de 'arresto domiciliario' na sede do BNG de Ponteareas. O 'delito' foi pintar nun muro abandonado de Mondariz un mural en defensa do ensino.

Tres mozos de Mondariz e Ponteareas cumpren esta semana a sentenza que lles condena a 4 días de 'localización permanente' a cada un deles. Unha pena que lles obriga a notificar en que lugar pasarán esas 96 horas para que, en calquera momento, un axente policial poda presentarse e comprobar que, efectivamente, están aí. O que implica, entre outras cuestións, a suspensión para os acusados de dereitos como a liberdade de movemento. Estes tres mozos (Ainhoa, Marcos e Miguel) escolleron a sede do BNG de Ponteares para cumprir o que vén sendo un 'arresto domiciliario'. Desde esta segunda feira están no local comarcal dos nacionalistas, onde permanecerán esta terza feira, a quinta e a sexta. Para recibir a visita e apoio de amizades, familiares e compañeir@s. E tamén a visita da Policía.
O motivo para esta condena xudicial foi a elaboración a finais de 2013 nun muro abandonado en Mondariz dun mural a prol do ensino público galego. Segundo relata Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, o propio alcalde daquela, Julio Alén (PP) avisou a Garda Civil para “que fosen alí e identificasen os autores do mural”, cousa que a Benemérita se apresurou a cumprir.
A finais de maio de 2014 decorreu o xuízo no que se acusou a 5 militantes de Galiza Nova por unha falta de “deslucimento”. Durante o xuízo @s 5 moz@s só responderon ás preguntas formuladas pola avogada da defensa a quen salientaron o estado de deterioro no que se atopaba o muro antes de pintaren o mural co lema "Ensino público galego".
“A mocidade nacionalista élles incómoda”
Mera, en conversa con Sermos Galiza, enmarca esta condena na lista de sancións, multas... que sofren militantes da organización nacionalista. “Xa son uns anos pasando por xulgados e comisarías”, manifesta, lembrando que non é a primeira vez que a elaboración dun mural acaba nunha condena: “O de Pedro Galán Calvate acabou nunha multa, o de defensa do dereito ao aborto, con penas de arresto domiciliario...”
Para o secretario xeral de GN, este tipo de situacións evidencian “que a mocidade nacionalista é incómoda para o rexime español”. Nesta liña, sostén, a Lei Mordaza vai supoñer un salto importante en canto a punir e reprimir calquera disidencia no Estado e cun enfoque especial nas mobilizacións que se dan en Galiza, Euskal Herria e Catalunya.
"Recoñecemento, apoio e solidariedade"
Bieito Lobeira, secretario de organización do BNG, trasladou esta terza feira “o recoñecemento, o apoio e a solidariedade do Bloque Nacionalista Galego coa mocidade do Condado condenada por manteren unha actuación tan coherente. Lobeira indicou que “non é de recibo que no 2015 haxa mozos e mozas nacionalistas que por pintar un mural en defensa do ensino público se vexan privados de liberdade, mentres os responsábeis da explotación da mocidade gozan de total impunidade”


Ningún comentario:

Publicar un comentario