mércores, 29 de xullo de 2015

O III Congreso Internacional de Lingüística Histórica reúne na USC máis de 400 investigadores de Galicia, Portugal e Brasil

O reitor Juan Viaño abre o luns 27 na Facultade de Filoloxía o foro, que homenaxea aos fundadores do ILGA e catedráticos da USC Ramón Lorenzo e Antón Santamarina.

O III Congreso Internacional de Lingüística Histórica citará do 27 ao 30 de xullo, na Universidade de Santiago de Compostela, a máis de 400 investigadores nos distintos ámbitos da lingüística portuguesa e galega pertencentes ás tres universidades galegas, así como a outras institucións académicas de Portugal e Brasil. A terceira edición deste foro, organizado conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega (Ilga) da USC en colaboración co Instituto das Letras da Universidade Federal de Bahía e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Sâo Paulo, renderá homenaxe aos fundadores do Ilga e catedráticos da USC Ramón Lorenzo e Antón Santamarina.
A profesora da USC, Rosario Álvarez Blanco é a presidenta do Comité Organizador deste congreso, do que tamén forma parte, como secretario, o director do Instituto da Lingua Galega e catedrático de Filoloxía, Ernesto González Seoane.
O reitor da USC, Juan Viaño, presidirá o luns, ás 12.30 horas, no salón de actos da Facultade de Filoloxía de Santiago, a inauguración oficial deste congreso internacional,  que chega á USC logo das dúas primeiras edicións celebradas en Salvador de Bahía (2009) e Sâo Paulo (2012). De seguido, o profesor do Departamento de Filoloxía Galega da USC Henrique Monteagudo ofrecerá a conferencia inaugural do congreso, que se desenvolverá baixo o título ‘A lingua no tempo, os tempos da lingua. Gramática diacrónica e historia social’.
Estruturado en catro conferencias plenarias e distintos cursos monográficos e simposios específicos, durante os que as persoas convidadas presentarán as súas respectivas comunicacións e achegas científicas, o III Congreso Internacional de Lingüística Histórica continuará en quenda de tarde coa celebración das distintas mesas de traballo programadas. Un concerto do Grupo de Música Antiga Martín Códax, a partir das 21.00 horas, na igrexa de San Domingos de Bonaval, servirá de colofón desta primeira xornada.
 
O acto académico de homenaxe aos fundadores do Instituto de Lingua Galega (Ilga) e catedráticos da USC, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, que se desenvolverá o martes 28, a partir das 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, capitalizará a segunda xornada deste congreso, durante a que o profesor da Universidade Federal de Sâo Paulo Ataliba Teixeira de Castilho ofrecerá unha conferencia plenaria baixo o título ‘Sistemas complexos e mudança lingüística’.
 
O programa do III Congreso Internacional de Lingüística Histórica continuará o mércores e o xoves na Facultade de Filoloxía, onde seguirán a desenvolverse cursos, presentacións de comunicacións e outras sesións previstas. O catedrático de Lingüística Románica na Cátedra de Linguas Románicas da Universidade de Zúrich e membro correspondente da Real Academia Galega, Johannes Kabatek ofrecerá o mércores, ás 13.00 horas, o relatorio plenario ‘Novas visualizacións dos datos linguísticos’. O responsable do equipo Pessoa na Facultade de Letras de Lisboa, Ivo Castro, pechará o xoves este congreso internacional cunha intervención baixo o título ‘Os de Vasconcellos’.

Ningún comentario:

Publicar un comentario