mércores, 22 de xullo de 2015

A Universidade de Vigo aproba o seu Regulamento do uso da lingua galega

O Consello de Goberno do 2 de marzo de 2015 da Universidade de Vigo aprobou un regulamento que fixa os usos lingüísticos tanto no ámbito interno coma externo, en usos orais e escritos e nos rexistros, publicidade, publicacións, docencia, investigación, contratacións e convenios, etc.


Este documento aprobado fixa que se deben realizar en galego todas as comunicacións tanto internas como externas, así coma os títulos, rotulación, publicidade, webs, etc.

Con respecto á atención ao público, o regulamento aprobado determina que "Na atención oral aos usuarios/as e á cidadanía en xeral, tanto se é persoal como telefónica ou por medios telemáticos, as empregadas e empregados públicos da Universidade de Vigo dirixiranse en galego ao seu interlocutor/a, agás nos casos en que se solicite ser atendido en castelán ou cando o funcionario/a o considere necesario para facilitar a comunicación".

Polo que se refire á docencia, sinálase que "O profesorado e o estudantado teñen o dereito a expresarse oralmente e por escrito na lingua oficial da súa preferencia. É obxectivo da Universidade que o galego sexa vehículo de expresión normal nas actividades docentes e investigadoras".

Para os contratos de prestación de servizos, establécese que "Os contratos de prestación de servizos (cafetarías, comedores universitarios, reprografía, axencias de viaxe etc.) asinados pola Universidade con entidades privadas conterán unha cláusula onde se comprometan a cumprir as normas que en materia de uso lingüístico dispón este regulamento".

O regulamento completo, en .pdf, pode consultarse aquí >

Ningún comentario:

Publicar un comentario