luns, 20 de xullo de 2015

“A cultura contribúe á marca de país e o que se invista nela é rendíbel”

VICENTE MOHEDANO, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALIZA 

O actor Vicente Mohedano preside a nova dirección da Asociación de Actores e Actrices de Galiza que ten como vicepresidenta e secretaria ás actrices Mabel Ribera e Iria Sobrado. A AAAG colabora estreitamente con Escena Galega no que definen como un tempo novo para o teatro.

-Escena Galega, a entidade que agrupa ás compañías, actívase para un novo tempo no teatro. Como valoran desde a Asociación de Actores e actrices de Galiza?
Estivemos presentes na rolda de prensa na que se presentou a nova dirección e se anunciaron medidas para ese novo tempo. Que todas as compañías se sumen ao proxecto dunha loita en común é unha feliz novidade. Pola nosa parte estamos en conversas continuas con Escena Galega para artellar as accións conxuntas que precisamos na actual situación do teatro. Neste momento estamos a fechar a o segundo convenio para a profesión que é, para nós un tema urxente e, unha vez asinado, iremos da man para procurar a súa aplicación e universalización. Queremos facer piña nas relacións coa administración para traballar polo sistema teatral galego.
-Desde a AAAG denunciaran unha situación crítica da profesión, con arredor dun 90% de desemprego. Melloraron os datos?
A  situación continúa igual de grave. O nivel de desemprego e precarización non é só no sector teatral senón tamén no audiovisual, con producións comprimidas, un convenio totalmente superado, facendo auga na súa aplicación e con condicións de explotación. Non se pode consentir que o convenio se estea saltando desta maneira. Infelizmente, hai actores e actrices que están accedendo a baixar as condicións mínimas do convenio para poder traballar e iso leva a que outros que esixen o cumprimento teñan dificultades para traballar. Sobre a mesa temos moitos temas urxentes para solucionar.
-A crise no Centro Dramático Galego, que era unha opción de emprego, está tamén a afectar?
Temos unha comisión en común con Escena Galega para tratar este tema. O CDG naceu cunhas expectativas que están xa superadas e temos que repensar cal é o seu espazo e que obxectivos ten que ter. Naceu como centro de produción teatral e nos inicios en cada produción entraban como corenta actores e actrices a traballar nun momento en que había moitos menos profesionais que agora. Era un punto de referencia claro para nós que agora xa non é. Dos orzamentos do CDG pouco é o que corresponde ao emprego de persoal artístico, a maior parte é para manter a superestrutura. A comisión está a traballar de maneira conxunta con Escena Galega e queremos pronunciarnos nun tema tan central e importante como é este porque afecta a toda a profesión.
-O IVE Cultural repercutiu na situación laboral da profesión?
A nosa oposición é obvia e está claro que tivo efectos para nós. Consideramos que a subida foi feita con mala fe e é unha tomadura de pelo para o mundo da cultura. Falamos cos grupos parlamentarios e o propio PP galego apareceu dicindo que apoiaba a baixada porque agora hai brotes verdes e non fai falta sa medida mais foi a raíz da presentación da iniciativa.
-As compañías denunciaron o desmantelamento da Rede e a falta de programación, coinciden no diagnóstico?
Coincidimos e tamén na vontade de buscar alternativas. A situación pon en evidencia o moito que compre facer. Pecháronse moitas portas e buscar saídas na billeteira tamén está penalizado para nós. Defendemos que é necesario promover e crear cultura. Calquera sociedade precisa a súa cultura e ten que ser ela mesma quen a produza, sen ter que recorrer a produtos foráneos por non ter propostas propias. A cultura contribúe á marca de país.
-O investimento público en cultura é, polo tanto, rendíbel?
De maneira incuestionábel. Todo o que a administración inviste en teatro, poño por caso, é devolto á sociedade e ao país. Non estamos a inventar nada, a marca Galiza benefícianos a nós e beneficia a todos os sectores, desde o económico ao cultural, repercute en todo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario