mércores, 15 de xullo de 2015

O PPdeG súmase a declaración da Mesa a prol do galego

Por vez primeira dende o Plan de Normalización todos os partidos políticos relevantes no país póñense de acordo nun texto a favor do idioma. Maña asinarán un documento en Santiago.

Fontes próximas ao Goberno galego, e tamén da Mesa pola Normalización, confirmaron este serán a GC que o Partido Popular si estará finalmente na presentación do manifesto a prol do idioma que asinarán mañá a práctica totalidade de forzas políticas do país.
Hai cinco días o colectivo que preside Marcos Maceira anunciara que "todas as organizacións políticas de ámbito galego, agás o PP, asinarán o 15 de xullo unha Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística". Con todo, esta mesma mañá a Mesa apuntaba que seguían abertos a novas adhesións.
O consenso de mañá é verdadeiramente histórico. Dende a aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega durante a era Fraga, en 2004,  o galego converteuse en arma política contra o goberno de turno. Os conservadores usaron o idioma para desgastar ao bipartito enarborando a súa suposta política de imposición da lingua propia. Agora o PP sufre críticas constantes por reducir o galego nas aulas e a falta de aplicación concreta do citado Plan polo Executivo de Alberto Nuñez Feijóo.
Ao acto asistirán  Anxo García Seoane, da Alternativa dos Veciños; o responsábel de organización de Anova, Rafael Dopico; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a presidenta de Cerna, Consuelo Martínez; Rafael Cuíña por Compromiso por Galicia; Garcilaso de la Vega, secretario xeral de Converxencia XXI; Fernando Alonso, Secretario Xeral de Coalición Galega; Xavier Ron, portavoz de Esquerda Unida; Breogán Riobó, secretario xeral de Podemos Galiza, Xosé Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdG-PSOE; e Guillerme Sánchez, secretario xeral de Terra Galega. Tras a sinatura da declaración farán unha intervención. Polo de agora non se confirmou quen asistirá por parte do PPdeG.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, intervirá nun acto que contará coa actuación musical de Guadi Galego e Guillerme Fernández e será conducido pola actriz Iria Sobrado. 
 
O compromiso de todas as forzas políticas é imprescindíbel para iniciar o camiño da nova política lingüística que o galego e Galiza precisan e para que esta comece a dar froitos", argumentan dende a Mesa. Marcos Maceira cre que “esta declaración ten que abrir o tempo da vontade real de todas e todos por reverter a situación da nosa lingua".
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario