O proxecto campUSCulturae
da Universidade de Santiago organiza do 1 ao 5 de setembro o curso
Xornalismo
de datos e narrativas dixitais, unha actividade destinada a
afondar “nun eido profesional que fornece novas maneiras de narrar
e informar”, en palabras dos organizadores. Ao seu abeiro
xuntaranse algúns dos principais expertos na materia a nivel estatal
e internacional, amosando e debullando novas estratexias e novas
ferramentas para comunicar nunha contorna en liña. Entre as/os
relatoras/es atópanse Mar Cabra, Karma Peiró, Xaquín González
Vieira, Rafa Hör, Delia Rodríguez e Ana Ormaechea. Ademais, haberá
obradoiros e un hackaton. Unha instalación de Domestika Streamers
pechará o curso.
Segundo engaden os
impulsores de camUSCulturae, cumpría máis que nunca, na nosa terra,
un curso que fornecese recursos prácticos e actuais sobre como
dominar os novos códigos da comunicación dixital. E máis, din,
“tendo en conta a velocidade á que circula hoxe en día a
información, cun acceso masivo a datos antes non dispoñíbeis e coa
posibilidade de ler todo tipo de textos en plataformas interactivas”.
Isto, unido ao fenómeno da recepción dos datos en contextos de
dispersión, “fan que as normas clásicas do xornalismo en Internet
simplemente xa non funcionen”, explican os impulsores do curso.
Polo tanto, ter coñecemento de todo isto e saber como superar os
atrancos é o gran obxectivo de Narrativas dixitais.
O curso, engaden, traerá
ao paraninfo da Universidade aos principais expertos a nivel
internacional en xornalismo dixital, como Mar Cabra, xornalista de
investigación e especialista en análise de datos en International
Herald Tribune, The Huffington Post, Le Monde e El País e
vicepresidenta da sección española de Open Knowledge Foundation.
Cabra defende que “o xornalismo de filtración deixa de selo cando
o xornalista traballa para buscar máis fontes e contrastar”. Tralo
seu relatorio na xornada inaugural, a responsábel de participación
no portal de noticias 3cat24.cat,
Karma Peiró, explicará a Lei de Transparencia e como traballar cos
datos; unha corrente do xornalismo que, para ela, “pode contribuír
a recuperar a profesión”.
Á pregunta de como
visualizar os datos de maneira atractiva dará resposta Xaquín
González Vieira, membro do equipo de gráficos informativos de La
Voz de Galicia, ex director de gráficos en The New York Times
e actualmente editor de gráficos en The Guardian. Pola súa
banda, o ex editor de gráficos de El País e The Sunday
Times, Rafa Hör, explicará as claves do éxito internacional
dos infografistas españois.
No curso, ademais,
afondarase no xornalismo colaborativo da man de Antonio Delgado,
impulsor da #redada, e de como viralizar a información con
Delia Rodríguez, ex redactora xefe de Huffington Post e
actualmente directora de Verne en El País. Tamén dos
docuwebs e as series transmedia, así como os especiais
interactivos coa co-fundadora de Acuerdo.us, Idoia Sota. Sobre o
traballo cos desenvolvedores falará Ana Ormaechea, co-fundadora da
empresa Tablet Army, quen lembra que grazas á rápida
adaptación ao entorno dixital, “os medios pequenos e os
tecnolóxicos están adiantando ás grandes corporacións”.
Outras actividades
Nas dos últimas xornadas
desenvolverase o Hackaton CampUSCulturae no que se buscará a
creación colectiva de software libre e contidos sobre diversidade
cultural, inclusión e minorías. O curso concluirá cunha
instalación a cargo de Domestika Streamers, un colectivo de
desenvolvedores que explora a interactividade como elemento artístico
e cuxas obras expuxéranse no CCCB de Barcelona, na Academia das
Ciencias de California ou na Fundación Qatar, por citar algúns.
Outros dos profesionais
que presentarán relatorios son o desenvolvedor e membro da Fundación
Civio, Hugo Garrido; o xornalista de El confidencial, Jesús
Escudero; o experto en deseño de xeoinformación e visualización
xeoespacial, que traballou para Google e a NASA e co fundador de
Vizzuality, Serio Álvarez Leiva; o creador transmedia e
deseñador de series vídeoxogo, Éric Viennot e representantes dos
medios El Español, El Confidencial Lab e El Extrarradio
nunha mesa redonda moderada por Borja Echevarría, ex subdirector
dixital de El País e actual vicepresidente dixital de
Noticias Univisión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario