venres, 24 de xullo de 2015

Compostela énchese de propostas culturais de cara ao 25

Compostela acelera de cara ao 25. Polas súas rúas pode verse cada día máis xente, máis actividades, máis eventos. Non só na ampla programación deseñada polo Concello, senón tamén grazas a outras iniciativas, coma o Festigal, a Romaría dos Libros ou os Atardeceres no Gaiás.
Dentro de Artellando, este xoves destaca a Romaría Cativa, que se celebrará das 16 ás 21 horas no parque de Bonaval. Haberá concertos de Mamá Cabra e María Fumaça, o circo da Compañía Duelirium, a danza da Compañía Transpediante, obradoiros de percusión a cargo de Trópico de Grelos, obradoiros de manualidades coa Compañía Babaluva, xogos populares con Xandobela e tamén un espazo de xogo libre.
Pola noite, o rock and roll e o rockabilly serán os protagonistas da xornada. A partir das 21 horas na praza da Quintana abrirán a noite Rockin’Corsarios, e ás 22 horas Imelda May ofrecerá o seu primeiro concerto en Galicia. Irlandesa, comezou a súa carreira musical aos 16 anos tocando con varias bandas locais antes de formar a súa propia no 2002. Un ano despois publicou o seu álbum debut, No Turning back. O pasado ano publicou o seu terceiro traballo, Tribal que é o que presentará en Compostela.
O 24 serán os portugueses Linda Martini quen actuarán de balde na praza da Quintana, dando paso a seguir ao espectáculo dos Fogos do Apóstolo. A banda lusa ten tres álbums ás súas costas, o último deles Turbo Lento (2013), que lles permitiron ser habituais nos principais festivais de música do seu país, dende o Optimus Primavera Sound ao Optimus Alive, pasando polo Paredes de Coura, onde actuaron o pasado ano. Media hora antes da medianoite comezará o tradicional espectáculo pirotécnico na praza do Obradoiro, que volverá atraer a atención de decenas de milleiros de persoas. A actuación dos protugueses Kumpania Algazarra pechará a xornada.

Festigal

No Festigal destacan as actuacións de Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Ibuprofeno Teatro, Superoito, Caxade, Carapaus, o Mago Antón Habelas Hainas e Maianas, entre un cento de actividades
O Festigal celebrarase, como é habitual, os días 24 e 25, no Campus Sur. Destacan as actuacións de Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Ibuprofeno Teatro, Superoito, Caxade, Carapaus, o Mago Antón Habelas Hainas e Maianas, entre un cento de actividades. Na noite do 24, tras Maianas e Habelas Hainas, será protagonista Caxade, acompañado da Banda de Música da Bandeira, que "porá o punto polp-pok de banda popular de música com arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da velha Europa", destaca a organización.
Seguirá Ruxe-Ruxe, unha das bandas máis importantes do rock en galego das últimas dúas décadas, que presentarán no Festigal a súa décima achega discográfica: Un Mundo Perfecto, con 14 novos temas. Pechará a noite Sokram, unha das voces de peso en Dios Ke Te Crew e unha das personalidades máis prolíficas e irreverentes do famoso colectivo hip hop. Neste 2015 editou o seu primeiro Lp en solitario titulado Chuvia Ácida.
O Café Concerto do 25 de xullo iniciarase coa maxia do Mago Antón; despois Isabel Risco e Marián Bañobre van dinamizar a festa co espectáculo O Furancho, para seguir co folk de Carapaus co último disco Déixao andar; co rock de Familia Caamagno e con Superoito.

Romaría dos libros

Un grupo de librarías e editoras da cidade organizará o 25 de xullo a Romaría dos Libros
Un grupo de librarías e editoras da cidade organizará o 25 de xullo a Romaría dos Libros, un conxunto de actividades que comezarán ás 11 horas na praza de Mazarelos, onde ademais da zona de postos de venda de libros tamén haberá habilitada unha zona de bar con terraza e un espazo para crianzas. A iniciativa, que durará toda a xornada do sábado, parte "da necesidade de unir esforzos para reforzar o tecido cultural picheleiro arredor do libro e da lectura". Os seus organizadores (Edicións Positivas, Libraría Lila de Lilith, Komic Librería, Livraria Ciranda, Urco editora, Libraría Aenea, Apiario, Contos Estraños, Axóuxere Editora, Irmás Cartoné, aCentral Folque, A Gata Tola e Através editora) destacan que "non se trata dunha actividade illada, senón só unha primeira experiencia para ir artellando unha plataforma do libro que integre todas aquelas persoas e entidades que traballan en prol das letras".
Haberá unha sesión vermú literario-musical: Sira e o robot, adventures on Titan (Miguel Mosqueira e Mark Wiersma); unha solta de libros (bookcrossing) pola cidade; un express literario (micropresentacións e lecturas de microrrelatos); un combate de debuxantes; e as presentacións musicais do libro-cd Veredevere ao vivo (Guilherme e Bastardo), de A chave mestra (Ariel Ninas) e de Contos do mar de Irlanda (Xurxo Souto).

Imelda May: "Johnny got a Boom Boom"

Ningún comentario:

Publicar un comentario