Como era de agardar, a reactivación da lei de memoria histórica nos
concellos gobernados polas plataformas cidadás foi criticada pola prensa
conservadora e de ultra-dereita do estado español. En Galiza, o
recente anuncio de que as rúas de Madrid poderían perder os nomes de
Álvaro Cunqueiro e Julio Camba provocou unha serie de airadas respostas
por parte de periodistas, escritores e académicos coléricos non só pola
posible desaparición destes autores do nomenclátor de Madrid, senón
tamén polas razóns de dita decisión: a filiación de Cunqueiro en Camba
co Franquismo. A dicir verdade, a maior parte destas voces
defenderon a figura de Cunqueiro. Camba, un escritor en xeral de menor
sona (e que salvo un par de poemas de mocidade en galego, escribiu
sempre en castelán), pasou máis desapercibido.
As razóns do goberno de Manuela Carmena serían en principio sinxelas: ambos os dous fixeron apoloxía do Franquismo nalgúns dos seus escritos e colaboraron coa ditadura. Camba xa criticara duramente a Segunda República no seu libro Haciendo de República (1934). Durante a guerra civil, e despois de facerse membro da Falange, seguiu atacando dialecticamente ao bando republicano desde as páxinas do ABC de Sevilla. Por exemplo: “Los rojos perdieron tanto tiempo comiendo jamones y matando curas que no se dieron cuenta de la realidad militar hasta que nuestros soldados llegaron a las mismas puertas de Madrid y empezaron a tiros con ellos” (“La guerra y la revolución”, 19/08/1937). Coa chegada da ditadura, colaborou co periódico falanxista Arriba de 1951 a 1953. Cunqueiro, pola súa parte, e como é ben sabido, afiliouse á Falange en 1936, despois de ter sido un dos primeiros membros do Partido Galeguista. Menos coñecidos son se cadra os seus artigos a favor do réxime. Nun detallado e imprescindible artigo para entender esta polémica, Xesús González Gómez documenta esta cara do escritor mindoniense.
Desde a Real Academia Galega estase a defender a Cunqueiro argumentando a que se afiliou á Falange para salvar a vida e que “nunca se identificou coa violencia fascista”, en verbas de Xesús Alonso Montero. Aínda que isto contradí o feito de que seguira louvando a Franco unha vez rematada a guerra, si pon de relevo a brutal violencia sufrida en Galiza dende o comezo da mesma. Alonso Montero tamén ten sinalado noutro lugar que figuras destacadas do galeguismo, como Ramón Piñeiro e Celso Emilio Ferreiro, combateron no bando franquista para evitar ser asasinados polos fascistas. Tamén é certo, por outra banda, que os membros máis conservadores do galeguismo non compartían a ideoloxía da Fronte Popular que gañara as eleccións en 1936 (o caso máis destacado sería por suposto Vicente Risco).
Porén, hai entre Cunqueiro e Camba unha gran diferenza: a súa contribución á lingua e literatura galegas. Mentres que neste sentido a defensa do autor mindoniense non admite dúbida, Camba presenta o perfil oposto, xa que sempre se mostrou contrario á articulación política de Galiza e desprezou repetidamente a súa lingua. En Playas, ciudades y montañas (1916) escribiu: “Galicia es un país encantador; pero tiene un inconveniente: el galleguismo” ; “no hay cuidado de que el regionalismo gallego llegue a poner nunca en peligro la integridad de la patria”. Anos máis tarde, en La rana viajera (1920), burlábase do nacionalismo galego: “la última vez que yo estuve en Galicia, Galicia era una de las más hermosas regiones españolas. Ahora ha ascendido a la categoría de nación”. No que se refire á lingua, as súas opinións son incluso máis reveladoras. Por exemplo:
“El gallego, que es un idioma dulce, armonioso y abundante en vocales, no sirve para la vida ni para la literatura. En gallego se pueden hacer algunas poesías –Rosalía las ha hecho maravillosas–, comprar algunos pescados y hablarles a las gallinas, a los pájaros y a las muchachas de aldea. Pero, ¿cómo va a tener nadie la pretensión, no ya de escribir obra filosófica, sino de hacer en gallego un artículo político o una crónica periodística?” (en Playas…).
A hostilidade do autor nacido en Vilanova de Arousa contra o galeguismo e o galego ten pasado inadvertida (ou ten sido ignorada) nos estudos críticos sobre a súa obra. Polo contrario, Camba é eloxiado como representante do humor galego, e a súa enxeñosa prosa xornalística segue a ser celebrada a través do premio que leva o seu nome. Mesmo un acérrimo defensor do galego como Manuel Rivas parece non ter coñecemento das opinións vertidas por Camba sobre a súa lingua. Cando recibiu o devandito premio en 2002, declarou: “Sempre se di ‘procura achegarte a árbores que che den sombra’. E creo que o de Camba da boa sombra. É un dos grandes”.
Tendo en conta o exposto até agora, a cuestión pode que non sexa se Camba debe ter unha rúa co seu nome en Madrid (cidade coa que sempre se sentiu máis identificado que coa súa terra natal), senón se este debería seguir formando parte do nomenclátor pontevedrés. Se escritores como Cunqueiro e Camba merecen ser recordados polas súas obras ou polo seu apoio a unha ditadura hostil á lingua e cultura galegas é unha cuestión de opinión, e polo tanto de ideoloxía. De xeito desafortunado, a Asociación de Prensa de La Coruña clamou o ceo polo que chamou un “cunquericido” e “cambicidio”. O xogo de palabras con xenocidio funciona aquí como un acto de desmemoria cara as vítimas do verdadeiro exterminio levado a cabo polas tropas franquistas. É ademais unha coincidencia que académicos que defenden a “inocencia” de Cunqueiro, como Alonso Montero, sexan tamén responsables da escolla doutro colaborador coa ditatura como Filgueira Valverde, para ser honrado no Día das Letras? Desde logo, non é posible entender a cultura galega a partir de 1936 sen recoñecer unha verdade incómoda: si, algúns galeguistas e autores galegos colaboraron co Franquismo (ben como mecanismo de autodefensa ou por ideoloxía), incluso escritores excelentes como Cunqueiro.
A pregunta non é se os seus méritos académicos deben ou non ser recoñecidos e estudados, senón se estes autores merecen ser celebrados a pesar da súa filiación fascista. Esta non é unha cuestión única da literatura galega, nin sequera da española. Soamente hai que lembrar casos como os de Gunter Grass, Ezra Pound, Marinetti, Céline… A diferenza é, por suposto, que no estado español triunfou o fascismo.
Quizais a solución para o affaire Cunqueiro-Camba sexa a de suxerirlle ao concello de Madrid que nas polémicas rúas cambie os nomes dos autores polos das súas obras: rúa de Merlín e Familia, rúa da La casa de Lúculo… En calquera caso, por que é tan importante que estes escritores sigan a ter un nome en Madrid? Non é máis importante centrarse en quitar dunha vez os vestixios do Franquismo que seguen presentes nas rúas galegas? Pode que este estoupido de indignación reflicta un complexo de inferioridade ou un sentido de subxugación cara a Madrid, e sexa o síntoma doutra incómoda verdade: que para definir a identidade galega, parece que algúns dos actores culturais do país sigan a ter como punto de referencia a lonxana capital da meseta castelá.

Ningún comentario:
Publicar un comentario