As zonas rurais, para que
enganarnos, seguen a estar en desvantaxe no que se refire a
comunicacións, e xa non digamos en materia de comunicacións móbiles
avanzadas e banda larga móbil. Este é un problema que atinxe a todo
o eido xeográfico estatal, pero na nosa terra (con tantos núcleos
de poboación espallados e cunha orografía tan complexa e
accidentada) adquire unha maior dimensión. Hai solucións
definitivas para isto e que ademais teñan un compoñente
universalizador? A xulgar polos traballos desenvolvidos por un grupo
de investigadores da Universidade Politécnica de Madrid, si que hai
solución: a
fórmula do LTE empregada a esgalla polas operadoras.
O seu traballo, un estudo
“tecnoeconómico”, baseouse pois en avaliar as mellores
tecnoloxías para levar a banda ancha da rede móbil (30 Megabits por
segundo) até a maior cantidade de poboacións rurais de menos de
5.000 habitantes. O modelo desenvolvido polos científicos sinala que
o estándar de comunicacións móbiles LTE é o mellor para asegurar
o retorno do investimento.
Os investigadores forman
parte do Grupo de Tecnoloxías da Información e a Comunicación da
Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Para o seu labor, botaron
man dun modelo tecnolóxico de seu, Rocket, co que puideron demostrar
que o estándar de comunicacións móbiles Long-Term Evolution (LTE)
é a tecnoloxía máis axeitada e máis eficiente en custos para a
maior parte da poboación (entre o 75 e o 98,5%), observándose que é
a única solución posíbel para o rango do 90% ao 98,5% dos
habitantes (as tecnoloxía VDSL non ten capacidade para cubrir esta
franxa). Para o 1,5% restante, coma en tecnoloxías previas,
aconséllase que se cubra con banda larga vía satélite.
Respecto dos compromisos
impostos aos operadores (Telefónica, Orange e Vodafone está
obrigados a prover conxuntamente banda larga de 30 Mbps ao 90% dos
concellos de menos de 5.000 habitantes), corroborouse que “son
asumíbeis” por estes, posto que “non superan a tendencia de
investimento anual de anos anteriores”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario