mércores, 15 de xullo de 2015

A edición en galego crece un 23% pero segue lonxe das cifras previas a 2012

O Observatorio da Cultura Galega do CCG publicou este martes o informe O libro e a edición en Galicia que analiza a situación do sector a través dos datos difundidos por distintas fontes (Ministerio de Cultura, INE...) e que, entre outras cousas, destaca a evolución positiva do libro galego en 2014 (coa publicación de 1.763 títulos fronte a 1.426 en 2013), tras tres anos de descenso. Detense polo tanto unha evolución moi negativa, que fixo caer o número de libros editados dende os 2.544 de 2010 ata as cifras actuais.
Un de cada catro libros na nosa lingua xa se publica en formatos distintos ao papel, en concreto 465 deses 1.763, o que supón un novo máximo histórico
O informe tamén destaca que un de cada catro libros na nosa lingua xa se publica en formatos distintos ao papel, en concreto 465 deses 1.763, o que supón un novo máximo histórico; pola contra, a edición en formatos tradicionais (1.298 títulos) case non aumenta con respecto aos 1.213 de 2013. Ademais, no estudo vemos a cifra total de libros publicados en galego supón un 61,3% do total de libros con ISBN publicados en Galicia en 2014. Outro dato salientable é a evolución da edición realizada por institucións públicas, que en Galicia continúa estancada e representa unicamente o 7,1% do total. Se ata o ano 2012 a edición pública tiña en Galicia un peso relativo superior á que tiña no conxunto de España, a partir dese ano as tendencias foron as contrarias, e hoxe a porcentaxe de libros publicados polas distintas administracións é inferior en Galicia.
Tamén chama a atención a moi negativa evolución do número de títulos traducidos ao galego dende outras linguas: dos 616 de 2010 (máximo histórico) pasouse a 560 en 2011, 234 en 2012 e 188 en 2013.
  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
En papel 2.359 1.970 2.326 1.554 1.401 1.217 1.298
Noutros formatos 123 151 218 443 220 209 465
Total 2.482 2.121 2.544 1.997 1.621 1.426 1.763
Evolución do número de libros editados en galego. Fonte: MECD
O informe permite observar, así mesmo, a evolución da edición en galego en cada subsector e en cada materia entre 2010 e 2013, sinalando aqueles nos que o descenso foi máis importante. Así, vemos como o número de libros de Ciencias Sociais e Humanidades pasou de 627 a 213, unha evolución moi negativa que afectou tamén (pero algo menos) aos de creación literaria (de 682 a 407) e aos infantís e xuvenís (de 513 a 326), mentres que o subsector do libro científico e técnico pasou de 111 a 19.
Tamén chama a atención a moi negativa evolución do número de títulos traducidos ao galego dende outras linguas: dos 616 de 2010 (máximo histórico) pasouse a 560 en 2011, 234 en 2012 e 188 en 2013
O estudo tamén recolle datos de índole laboral e salienta que entre xaneiro de 2011 e xaneiro de 2015 caeu en Galicia en 518 o número de afiliacións á Seguridade Social nos empregos de edición e artes gráficas. Un descenso progresivo que semella frearse dende comezos de 2014, como se mostra a continuación na gráfica. De feito, entre marzo de 2014 e o mesmo mes de 2015 houbo case duascentas novas afiliacións. O número de traballadores afiliados nas dúas principais ramas de actividades da edición suman 5.438 persoas no noso país.

Libros editados en galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario