venres, 31 de xullo de 2015

“A poesía na infancia axuda ao coñecemento e fai mellores persoas”

HELENA VILLAR, ESCRITORA

A escritora Helena Villar vén de presentar na Feira do Libro de Rianxo As señoras cousas (Galaxia), o seu novo libro dedicado ao público infantil. A escritora, que ten na súa traxectoria máis de vinte libros para nenos e nenas, defende con paixón a necesidade de achegar ás crianzas á poesía. 

A Helena Villar gustoulle sempre que os nenos e as nenas reflexionaran sobre “as cousas”, tanto as tanxíbeis como as intanxíbeis e, desa vontade nace o seu novo libro As señoras cousas no que a escritora achega á infancia temas como o pacifismo, a igualdade ou o medo. “Dinme conta que compría meter contidos como estes de xeito lúdico e amable”, comenta Helena Villar, pedagoga ademais de escritora.
Confesa que sinte mágoa de que a infancia que goza dun pensamento rítmico, similar aos poetas, abandonen esas potencialidades por falta de uso. Contra iso, o achegamento á poesía tende a ser cunha rima forzada, que tanto disgusta á autora. “Moitas veces pénsase que a poesía para nenos ten que ser moi rimada e así fanse cousas “ripiudas”. Os nenos teñen que darse conta de que pode haber beleza e ritmo sen rima. Agora estou a prepara un material de apoio para que se traballe no ensino e se introduza á infancia na linguaxe poética”, informa a escritora.
“Non matarás ao poeta que cada criatura ten cando nace”, di o seu decálogo para ensinantes
Decálogo para ensinantes de poesía 

Nese afán pedagóxico-poético, Villar ten escrito un decálogo dirixido a ensinantes de poesía. O primeiro dos mandamentos é claro: “Non matarás ao poeta que cada criatura ten cando nace”. O último “prohibirás por todos os medios que non saian rípios”. No medio, unha serie de consellos como evitar que as crianzas conten as sílabas dos versos cos dedos e aprendan a se adentrar na propia música dos poemas.
Que ventaxas ten achegar á cativada á linguaxe poética?, preguntámoslle a Helena e a resposta case non ten fin, tantos son os beneficios que ela atopa nese encontro a edade temperá coa poesía. “Consíguese prolongar o pensamento rítmico e devolver as aptitudes que trae con el; percibir a sonoridade e a linguaxe. O primeiro pensamento do neno é xogar poeticamente e iso logo pérdese. A poesía faino sensíbel, dálle riqueza expresiva e persoal, axuda ao coñecemento, completa unha educación máis integral e faino mellor persoa ademais de contribuír a facer lectores tamén de maiores”, di de corrido, sabedora por experiencia do acaído que é introducir á infancia no mundo da poesía. E para ela como creadora, que supón escribir para crianzas? “Unha maior liberdade de expresión, nada me permite xogar cunha fantasía tan tremenda”, responde.
“Así como se fai a hora do conto en moitas aulas pódese tamén dedicar á poesía que non pode quedar á marxe do ensino”, defende
Para a autora, trátase de introducir ás crianzas na “forma máis excelsa da linguaxe humana”. Recomenda tamén mesturar coa lectura de clásicos desde moi cedo, entrar no seu mundo creativo e contaxiarse da súa beleza. Ao seu ver, Rosalía é poeta acaída para esas primeiras idades, para deixarse engaiolar mesmo coa “Negra sombra”, poema considerado tantas veces complexo mais que, segundo di, pode ter un interesante aproveitamento na infancia. “Así como se fai a hora do conto en moitas aulas pódese tamén dedicar á poesía que non pode quedar á marxe do ensino”, defende.
Máis de vinte libros dedicou Helena Villar Janeiro ao público infantil. Comezou a escribir poesía para a infancia cando naceu a súa filla María. “Da mesma maneira que lle facía roupa, escribíalle poemas porque a nena tamén os necesitaba. Aquel primeiro foi un “Libro de María” foi para min  necesario. Que non faría para os meus nenos sendo eu poeta!” comenta Villar, daquela primeira experiencia á que seguiron moitas, provocadas maiormente por nenos e nenas próximas como lle acontece agora coa súa neta Helena para quen lle ten escrito un libro persoal, apegado á primeiro ano da súa vida. E a quen lle dedica este novo As señoras cousas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario