luns, 13 de xullo de 2015

Pois si, os recortes matan

Nin populismo nin intención de sementar alarma dunha forma gratuíta entre a poboación. A realidade é que os recortes matan e boa proba diso é que as políticas de redución presupostaria impulsadas polos gobernos do Partido Popular a nivel estatal e autonómico en materia sanitaria están a ter uns efectos devastadores, tal e como se pode deducir dos diferentes informes e datos ofrecidos por institucións e entidades de prestixio e, dende logo, nada dubidosas á hora de dubidar da súa imparcialidade.
Os recortes matan. Aumentaron os ingresos hospitalarios por patoloxías sensibles, isto é, circulatorias, accidentes, suicidios e tumores.
Os recortes matan. A pauta xeral do racionamento do gasto tradúcese en rápidos aumentos das listas de espera en 2011 e niveis altos de insatisfacción co acceso. A vinculación entre o atraso na atención médica e a posibilidade de curación de enfermidades é unha obviedade.
Os indicadores de estado de saúde da poboación infantil presentan unha evolución non positiva, xa que a mortalidade infantil se estancou dende 2009 e o peso ao nacer empeorou coa crise
Os recortes matan. Os indicadores de estado de saúde da poboación infantil presentan unha evolución non positiva, xa que a mortalidade infantil se estancou dende 2009 e o peso ao nacer empeorou coa crise. Por outro lado, os indicadores de prevalencia de enfermidades crónicas aumentaron dous puntos nos tres últimos anos dispoñibles, aumentaron sensiblemente -especialmente entre a poboación adulta- os indicadores de hospitalizacións a causa da diabete e depresión, ansiedade e outros trastornos mentais.
Os recortes matan. Como consecuencia da profunda percepción da crise, todos os indicadores de opinión derivados do Barómetro Sanitario se están a deteriorar ostensiblemente. Ademais, un repaso superficial aos datos do último barómetro do CIS revela unha crecente inquietude sobre o funcionamento e as perspectivas do sistema sanitario público, que pasou a situarse entre os principais problemas que existen actualmente en España.
Os recortes matan. Produciuse unha importante redución no número de visitas médico, especialmente entre as mulleres -entre un 10 e un 15%-. Fronte a quen opina que estes datos son consecuencia dun comportamento máis racional da poboación, pensamos que se trata dun reflexo dos recortes, e cunha incidencia especial do co(re)pago farmacéutico.
No caso de Galicia, destaca un dato demoledor: é a segunda comunidade autónoma, unicamente por detrás de Canarias, cunha maior probabilidade de non sobrevivir ata os 60 anos
Os recortes matan. E matan porque en España, cun sistema sanitario de acceso universal, se a mortalidade se comportase como o fai nas zonas máis ricas do país, morrerían 35.000 persoas menos cada ano. Ademais, a esperanza de vida varía en ata tres anos entre comunidades autónomas ricas e pobres. No caso de Galicia, destaca un dato demoledor: é a segunda comunidade autónoma, unicamente por detrás de Canarias, cunha maior probabilidade de non sobrevivir ata os 60 anos.
Os recortes matan. A mortalidade das persoas maiores de 60 anos reduce o seu ritmo de mellora dende 2008, en particular en inverno (é evidente a súa vinculación coa pobreza enerxética) e nas mulleres (as grandes prexudicadas das políticas de recortes, neste caso concreto porque reciben menores pensións e son as principais responsables da atención a persoas dependentes).
Os recortes matan. A mortalidade dos pacientes con infarto aumentou cos recortes nos presupostos dos hospitais, e o risco de morte aumenta con cada hora que, a maiores, se produce na espera media por quenda. Os datos do INE indican un importante aumento (9,7%) das defuncións en 2012 con respecto a 2011, debido en parte á deterioración do gasto público e da atención sanitaria.
Como contrapartida, por cada cen euros per cápita de incremento no financiamento do sistema público de saúde, se reduciría a taxa de mortalidade evitable nun 2%. Pero ante esta alarmante e grave realidade, lonxe de incrementar recursos, o Ministerio de Economía, dentro do programa de estabilidade fiscal 2012-2015, comprometíase co Consello Europeo a rebaixar o peso do gasto sanitario público noutros 7.267 millóns de euros.
Fronte a estas políticas de recortes impulsadas en España, algúns países, como Islandia, reforzaron as súas políticas de benestar. E estas políticas son precisamente as que defendemos no Partido Socialista e as que aplicou sempre
E isto sen mencionar o Real Decreto 16/2012, agora derrogado por cuestións evidentemente electoralistas, que incorporaba, entre outras accións, a exclusión da cobertura sanitaria pública dos inmigrantes irregulares. Os efectos, a pesar de non estar aínda cuantificados na saúde dos colectivos excluídos, fixéronse visibles, dun xeito tráxico, e así foron recollidos nos medios de comunicación.
Fronte a estas políticas de recortes impulsadas en España, algúns países, como Islandia, reforzaron as súas políticas de benestar. E estas políticas son precisamente as que defendemos no Partido Socialista e as que aplicou sempre. Porque, como vemos, os recortes en sanidade matan.

Paco Reyes, Eva Martínez

Ningún comentario:

Publicar un comentario