mércores, 22 de xullo de 2015

A escola de verán con comedor de Lalín arrincará o luns 3 de agosto con 55 nenos

Programa de atención infantil

O servizo funcionará de luns a venres de 9 a 15 horas no CEIP Manuel Rivero ata o inicio do curso escolar.

Polo menos 55 nenos beneficiaranse da escola de verán con comedor que o Concello de Lalín porá en marcha o día 3 de agosto e que estará en funcionamento ata o comezo do próximo curso escolar, a principios de setembro. Trátase dun novo programa de atención infantil desenvolvido polo departamento municipal de Servizos Sociais para garantir a alimentación aos nenos de familias con poucos recursos durante as vacacións escolares.
O horario de desenvolvemento da Escola de Verán con Comedor será de luns a venres de 9:00 a 15:00 horas na instalación do CEIP Manuel Rivero, cedidas para este fin por parte da Consellería de Educación. O programa está aberto a todas as familias do termo municipal de Lalín, indistintamente da súa situación socioeconómica, pois poden participar tanto nenos de familias con escasos recursos como os que non estean nesa delicada situación. Deste xeito, preténdese evitar que se produzan posibles procesos de estigmatización dos nenos participantes. A única diferenza é que uns pagarán e outro non: Os menores procedentes de núcleos familiaress que non cumpran as condicións para entrar no programa de forma gratuíta, poderán sumarse igualmente, aínda que deberán abonar unha contía económica de 30 euros polo primeiro neno e 10 euros máis por cada irmán a maiores.
A escola de verán configúrase como un programa de educación non formal con diversas actividades en función da idade dos grupos de menores aos que se dirixe. O obxectivo fundamental da iniciativa é o de garantir que os menores de familias con dificultades socioeconómicas vexan garantida unha alimentación equilibrada e variada durante o verán, con independencia de que no transcurso do ano escolar fosen beneficiarios ou non do servizo de comedor. Ademais, a proposta busca promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores, promover hábitos de vida saudables e actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación, así como facilitarlles aos usuarios a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
O servizo, que pretende suplir as carencias alimentarias dalgunhas familias ao verse privadas do servizo de comedor escolar durante o verán, chega con máis dun mes de atraso. A tardanza obedece á falta de partida orzamentaria e aos propios prazos administrativos, tal como explica o edil de Servizos Sociais, Nicolás González Casares. En 2014, o goberno popular puxo por primeira vez en marcha un servizo de substitución do comedor escolar. Consistía en levar a comida aos fogares que a precisaban e empezou en xuño, nada máis terminar as clases. O número de beneficiarios foi inferior ao deste ano, segundo Casares.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario