A Real Academia Galega
de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia
Galega de Innovación (GAIN), convoca a primeira edición dos Premios de
Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, dotados con 22.000 euros en dúas
modalidades: mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación
aplicada e mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. O
prazo de presentación de candidaturas queda aberto ata o 29 de outubro.
Estas dúas entidades, representantes do Sistema Galego de I+D+I, colaboran na
posta en marcha deste certame baixo a premisa de que a axeitada transferencia
de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo
está considerada unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o
desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio.
A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que
desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros
tecnolóxicos ou de investigación localizados en Galicia. Entre as candidaturas
presentadas seleccionarase a que mellor represente a contribución dun traballo
de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da
transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación do premio ascenderá a
6.000 euros netos, aos que se sumará unha axuda de 4.000 euros para a formación
dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses
nun centro de investigación de fóra de Galicia.
A modalidade empresarial busca o caso de éxito máis representantivo de
innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Concederáselle á PEME
galega que acredite a mellor innovación procedente da adquisición dunha
patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou
outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón
ascenderá a 12.000 euros netos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario