venres, 10 de xullo de 2015

Escribindo e investigando con 86 anos

Neira Vilas presenta “Semente galega en América”, o seu último libro.

86 anos e segue tan activo como cando tiña 20, polo menos, intelectualmente. E é que a produción literaria e ensaística de Xosé Neira Vilas é inmensa e aínda non rematou.  O escritor presenta este xoves a súa última obra, Semente galega en América, editada por Edicións Bolanda e ilustrada poloartista mindoniense Xosé Vizoso.
 
A nova obra do autor compila un centenar de referencias galegas –persoas, obras, acontecementos históricos etc.– que xogaron un papel esencial na configuración do continente americano, no que viviu 43 anos –primeiro en Bos Aires e despois en Cuba– antes de volver á súa Vila de Cruces natal, onde se localiza a Fundación que leva o seu nome e desde a que desenvolve un importante labor de dinamización cultural e lingüística.
 
A publicación, dispoñible xa nas librarías de Galicia, revela cen historias que deixan constancia da pegada galega no continente americano a través dos ollos dunha testemuña excepcional, un galego que tamén deixou a súa semente no novo continente e que ofrece novamente un dos froitos desa intensa vida adicada ás letras e a Galicia.
 
Na presentación o escritor estivo acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o profesor e secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o editor da obra, Antonio Couto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario