Todas as organizacións políticas de ámbito galego, agás o PP,
asinarán o 15 de xullo unha Declaración de unidade a prol da
normalización da lingua galega, promovida pola Mesa pola Normalización
Lingüística
O acto de apoio á declaración, que contará coa participación
dos partidos representados polas súas respectivas portavocías, terá
lugar o 15 de xullo, 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro,
no monumento á escritora na Alameda de Santiago de Compostela.
As organizacións políticas galegas mostrarán a súa unidade e
compromiso común na defensa e promoción da lingua galega a través dunha
declaración conxunta “de unidade a prol da normalización da lingua
galega” na que expresarán a vontade de repor e rehabilitar o idioma
propio de Galiza en todas as áreas e institucións onde teñen
representación, co acordo firme de o reactivar e promover coas accións e
medidas que foren precisas, partindo de acordos comúns como a Lei de
Normalización Lingüísitica ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega.
Alternativa dos Veciños, Anova-IN, Bloque Nacionalista Galego,
Cerna, Coalición Galega, Compromiso por Galicia, Converxencia XXI,
Esquerda Unida, Partido dos Socialista de Galicia-PSOE, Podemos Galiza e
Terra Galega son as organizacións políticas que xa teñen confirmada a
súa adhesión á Declaración promovida desde A Mesa pola Normalización
Lingüística.
Esta mostra de acordo e unidade concretada nunha declaración conxunta
farase pública nun acto que terá lugar a cuarta feira (mércores) 15 de
xullo, ás 12h no monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago,
coincidindo co 130 aniversario do seu falecemento.
O acto, no que se dará lectura á Declaración de unidade a prol da
normalización, será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa
actuación musical de Guadi Galego e Guillerme Fernández. Intervirán
tamén, ademais do presidente da Mesa Marcos Maceira, as respectivas
portavocías ou secretarías xerais das organizacións políticas asinantes.
Da Mesa pola Normalización sinalan que ademais están convidadas a
asistiren as principais institucións, colectivos e entidades de Galiza,
“as que traballan todos os días para repor e colocar a lingua nos
ámbitos nos que actúan e que representan esa sociedade que traballou en
solitario, sen apoio do actual Goberno, a favor da lingua e que debe ser
protagonista do proceso de recuperación do noso idioma respaldado por
unha nova política lingüística”.
Neste sentido, indican, “a unidade das forzas políticas nuns mínimos a
partir dos que construír avances e a visibilización deses acordos é
fundamental se queremos reverter o proceso de minorización que sofre o
galego”. “É fundamental para a o noso idioma, para o conxunto do país, o
acordo en aspectos básicos como este, e por iso consideramos que o 15
de xullo será un punto de inflexión que demostrará non só a unanimidade
que desperta a lingua no conxunto do pobo galego, senón tamén a vontade
por construír un marco onde se poida utilizar con total e abosluta
normalidade”. Os promotores sinalan que este será un acto histórico que
abrirá a porta a unha nova e ilusionante etapa para a política
lingüística en Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario